Ola, amiguiños e amiguiñas!
Na biblioteca do cole puxémonos mans á obra cunha nova proposta de Biblioteca Creativa e Polos Creativos! Desta volta, queremos darlle unha identidade especial ás nosas aulas, relacionándoas coas árbores que forman parte do noso PDI.
A idea é sinxela, pero moi especial: cada aula terá o nome dunha árbore e o deseño da placa foi feita entre todo o cole, de xeito democrático.
Primeiro paso: puxemos a creatividade en marcha!
Cada aula púxose a traballar no seu deseño. Había que decidir moitas cousas: a forma da placa, o tipo de letra, a distribución dos elementos, os detalles decorativos...
En definitiva, había que conseguir que cada proposta fose a mellor e representase a súa árbore.
Cada grupo preparou o seu deseño e, pouco a pouco, fomos reunindo todas as propostas.
Segundo paso: chega o momento de votar!
Pero... como se escolle un deseño cando temos tantas propostas diferentes?
Pois organizando unhas eleccións en toda regra!Para comprender como funciona unha votación, preparamos papeletas, urnas e un censo electoral. Todo o alumnado, profesorado e persoal do cole terá a oportunidade de participar e depositar o seu voto na urna.Nesta ocasión, o alumnado de 6º será o encargado de organizar e xestionar todo o proceso electoral: preparar o censo, controlar as votacións e realizar o reconto final.
Unha experiencia estupenda para aprender que participar, respectar as decisións dos demais e escoller entre diferentes propostas tamén forma parte da vida en comunidade.Terceiro paso: contamos os votos!
Unha vez rematada a votación, tocará facer o reconto e descubrir que deseño foi o máis votado.
Os resultados e todas as propostas están expostos na entrada do cole para que poidamos coñecer o traballo realizado polas diferentes aulas, así coma a placa gañadora.E o deseño gañador... converterase nunha placa de verdade!
O deseño escollido será o modelo que utilizaremos para crear as placas definitivas de todas as aulas.
E como o imos facer? Pois coa nosa cortadora láser!
Pouco a pouco as distintas aulas pasarán polo noso Espazo Creativo para crear a súa placa e darlle nome a súa aula... Estade atentos para ver os resultados!!





0 comentarios:
Publicar un comentario