viernes, 30 de junio de 2023

DIGICRAFT

Ola amiguiños e amiguiñas! Hoxe chegou ao noso cole un agasallo de DigiCraft. Un agradecemento pola nosa participación neste proxecto que tanto gusta e que tanto nos engancha a todos e todas.

Grazas DigiCraft por este recoñecemento, por dotarnos de materiais didácticos e divertimos, cos que puidemos achegarnos ao mundo do videoxogo, da realidade aumentada, da intelixencia artifial e da robótica. Unha aprendizaxe moi motivante que doutro xeito nunca chegaría aos nosos nenos e nenas.

Agardamos poder continuar con esta iniciativa o vindeiro ano. Agora toca descansar e marchar para a casa con este doce agasallo. FELIZ VERÁN.



ATA SEMPRE 6º

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe achégome ata aquí para pechar este curso. Dende o Equipo da Biblioteca dicímosvos adeus e Felices Vacións a todos e todas.

Acabamos con certa tristura por ter a Biblioteca pechada e non poder despedirnos de vós coma nos gusta "Lendo porque nos peta".

Gustaríanos vervos un día máis xogando cos cubos de rubik, intercambiando opinións sobre as lecturas, debuxando ou facendo esas tarxetas de lettering que tanto vos gustan. Pero as obras e as inclemencias do tempo ofrécennos un imaxe máis melancólica dunha biblioteca anegada, desordenada, triste...

Aínda así de todo sacamos tallada e estamos seguros de que o vindeiro ano empezaremos con máis forza e ilusión, sedentos de lecturas e de novas vivencias neste recunchiño do cole, tan acolledor e familiar. Nesta nosa Biblioteca.

Non queríamos despedirnos sen antes felicitarvos a todos e todas pola paixón pola lectura e a ilusión e o sorriso coa que vides cada recreo.

Desexamos a todos e todas unhas felices vacacións e en especial ao alumnado de 6º: axudantes incondicionais da Biblioteca. Non esquezades que esta sempre será a vosa biblioteca e agardamos a vosa visita sempre. Sede felices e aprendede moito nesta nova andaina.





martes, 6 de junio de 2023

EN MAIO, PONTE... A XOGAR!

Ola amiguiños e amiguiñas!! En maio, Ponte... a xogar!! Esta foi unha proposta que chegou a Radio Garabullo de Ponte nas Ondas. Popón converter, durante o mes de maio os patios dos coles galegos e portugueses en grandes espazos de xogo no que , durante os tempos de lecer, se deixe ver a nosa cultura revivindo os xogos tradicionais. 

Como xa sabedes os nenos e nenas de 4º acolleron esta idea con moitas gañas e decidiron ir un pouco máis alá. Prepararon os xogos froito desta proposta e xogaron cos pequenos de 1º de Primaria que non coñecían ningún xogo dos propostos. 

O mellor de todo é que pouco a pouco todos fomos sumándonos ás propostas de 4º e o que máis e o que menos escolleu seguir o lema de PNO "En maio, Ponte... a xogar!!"

lunes, 5 de junio de 2023

CONCURSO DE LOGOS NATURARTE

Ola amiguiños e amiguiñas!! Como ben sabedes o proxecto de investigacion "Naturarte" estivo acompañándonos todo o curso. Primeiro asomando nas distintas actividades para lanzarnos á investigación no 2º trimestre.

Foron moitas as cousas que fixemos baixo este lema e que hoxe pechamos, nesta data tan sinalado como é o 5 de xuño o "Día Mundial do Medio Ambiente".

A protección do Medio Ambiente implica a todos. O lema proclamado pola ONU é "Sin contaminación por plásticos" e seguindo este lema ao longo do ano traballamos a redución, reutilización e reciclaxe deste tipo de material. 

Ademais de colaborar con este tema participando na "Patrulla de Patios" encargada da limpeza do mesmo e a reciclaxe do lixo recollido, buscamos a utilización de materias da  natureza para crear arte e creamos recunchos bonitos. Todo dentro dun proxecto chamando Naturarte que hoxe damos por rematado.

Non podíamos dar peche a este proxecto sen escoller un logo para identificalo. Fixemos un concurso onde a vosa participación foi moi gratificante. Resultou duro escoller aos finalistas que foron : Uxía de 3º, Aloia, Nina e Lía Enriquez de 4º e Érika de 6º.

Todos os logos presentados foron fermosos e deixan ver o voso amor pola Natureza. Había que sinalar un gañador e por maioría gañou Aloia de 4º. 

Parabéns a todos e todas pola vosa participación.



NATURARTE 5º: Cestos con xornais e tintes naturais

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe toca presentar o proxecto de 5º. Como ben sabedes foron os encargados de formarnos e falarnos sobre o día 15 de marzo o "Día Mundial dos Dereitos do Consumidor". Unha data que deixou moi preocupados aos vosos compañeiros coa idea de reutilizar e reparar os produtos antes que tiralos e mercar outros novos.

Polo programa de Prensa Escola eran conscientes da cantidade de xornais que se tiraban. Buscando unha idea para colaborar co Proxecto Naturarte e aproveitalos decidiron xuntar a idea de reutilizar a prensa e facer cestos, que logo serían decorados con tintes naturais feitos con col, limón, remolacha... e unha gran variedade de materiais. E así xurdiu esta proposta que hoxe nos fan chegar. Ollade!!

NATURARTE Infantil: Escultura con Elementos Naturais

Ola amiguiños e amiguiñas!! Aquí estamos de novo para seguir falando de Naturarte un gran proxecto de investigación que ten cabida para todos. Nesta ocasión tocoulle a Infantil que crearon auténticas obras de arte con elementos naturais. 

Aproveitando os tempos de lecer foron recollendo todo tipo de materiais para as súas composicións: pedras, paus de madeira, follas, piñas, herbas,... todo o que os patios do cole ofrecían. Coma auténticos artistas foron mesturando os materiais e a súa creación e imaxinación e pega que pega foron saíndo un montón de fermosas obras que hoxe adornan a entrada do cole. Un aúténtico traballo de escultura, imaxinación e creatividade!!

NATURARTE 4º: Estampación en Arxila

Ola amiguiños e amiguiñas!! Seguimos presentando o resultado dos vosos traballos de investigación que unen a natureza e a arte. Hoxe tócanos falar do alumnado de 4º. Colaboraron con este proxecto converténdose en expertos artesáns, empregando como material de traballo, a arxila. Aproveitaron as múltiples posibilidades que ofrece este material para experimentar a técnica de estampado, con follas da nosa contorna, creando pezas únicas.

Os vosos compañeiros de 4º contáronnos que esta actividade resultou moi interesante para experimentar con diferentes combinacións de cores e formas fomentando a creatividade, a imaxinación e estimulación sensorial e o desenvolvemento de habilidades de coordinación. Unha posibilidade de aprendizaxe activa que serviu como espazo de relaxación e xestión emocional para todos e todas.



NATURARTE 6º: Pinturas, cunchas e sal

Ola amiguiños e amiguiñas!! Os compañeiros e compañeiras de 6º aproveitaron o proxecto de Naturarte para facer varias cousas e así nolo fixeron saber.

A parte dos proxectos comúns ó longo do curso, centráronse en tres actividades de xeito específico: a decoración de cunchas de vieira, o puntillismos na paisaxe e a decoración de sal con xiz. Dixéronnos que foi sorprendente descubrir a técnica de "decourage": existen auténticos artistas na decoración de cunchas que fan debuxos realistas. Interesante tamén foi ver a pintores como Van Gogh baseándose na técnica do puntillismo, e así o intentaron aplicar a unha paisaxe primaveral ao igual que o alumnado de 5º. Pero contan, que o que máis lles entretivo foi colorear o sal con xices e logo ver o resultado no bote de cristal. De paso aprenderon un pouco sobre a reciclaxe deste material, como se forma e tamén como se obtén a sal. Dan grazas á natureza  por ofrecernos tanto e así poder crear beleza.



NATURARTE 2º: Escultura

Ola amiguiños e amiguiñas!! Continuamos con as actividades levadas a cabo nas aulas como froito da investigación do proxecto Naturarte. Neste caso foi o alumnado de 2º.

A súa proposta partiu dunha necesidade de facer da natureza parte da súa obra. Que os materiais que a natureza aporta se convertisen en ferramentas non so de construción senón tamén de concienciación.

Os nenos e nenas de 2º empregaron arxila, pedras, paos e pétalos de rosa e camelias para facer as súas creacións.

Coma Andy Goldsworthy, escultor escocés, que fai a súa obra con materiais naturais coma follas, ramas, xeo, pedras ou neve; os nosos compañeiros e compañeiras de 2º puxeron a súa creatividade a funcionar e crearon cousiñas fermosas conscientes de que unha vez realizadas a luz do sol, o aire ou simplelmente o paso do tempo terminan devolvéndoas á terra.

Son obras agarimosas e fermosas as que fixeron, incluso algunha nai lanzouse a intentalo e enviounos unha fermosa bolboreta feita con pétalos de rosa.

O motivos para facer este tipo de obras que duran tan pouco é entender a Natureza e o cambio continuo ao que está sometida.






domingo, 4 de junio de 2023

Obradoiros de HABILIDADES SOCIAIS e EMOCIÓNS!!

Ola amiguiños e amiguiñas!! Ao longo deste curso María Jesús, a mestra de PT, en colaboración coas titoras de 4º e 5º traballou habilidades sociais aplicadas a distintas situacións.
Traballando en pequenos grupos foron creando contos e cómics que implicaban a exposición e representación dos contos empregando imaxe, xestos,... Buscaban situacións de conflicto onde poder entender as emocións dos implicados e ao mesmo tempo pór en práctica as habilidades adquiridas durante os obradoiros.
Con esta actividade buscaban abrir un espazo para a comunicación, a reflexión e a actuación ante os distintos conflictos e situacións de desigualdade que se dan na nosa vida diaria.
Unha vez feitos os Obradoiros decidiron representar as súas creacións ao resto dos compañeiros do cole. En distintos momentos e durante a "Hora de Ler" foron pasando por todas as aulas. Queredes ver o seu traballo?

jueves, 1 de junio de 2023

NATURARTE 1º: ESTAMPACIÓN

Ola amiguiños e amiguiñas!! Continúan saíndo actividades resultado do proxecto de investigación que propuxemos: Naturarte

Os nenos e nenas de 1º investigaron como podían facer debuxos coa froita e chegou a eles o concepto de ESTAMPACIÓN; é dicir o proceso de impresión en distintos materiais: telas, coiros ou papeis entre outros.

O alumnado de 1º escolleu a "Estampación" de elementos que tiñan ao seu redor e probaron con froitas, verduras, follas, flores,... impregnados en témpera, acuarela, pintura de mans, tinta... para ver cal quedaba mellor. Tamén probaron con moitos materiais variados entre eles pedras, foam e gomas...

Cos resultados da súa investigacion decidiron sorprender ao alumnado do CEIP Plurilingüe de Oca facéndolles un marcapáxinas como agasallo para conmemorar o "Día das Letras Galegas".

No vídeo podedes ver todo o proceso e o resultado. Os nenos e nenas de 1º anímanvos a probar esta técnica moi rápida e divertida.

RECUNCHO RIQUIÑO

Ola amiguiños e amiguiñas!! O "Recucho Riquiño" precisaba dunha entrada especial polo valor que ten para nós. Foi un proxecto que naceu, coma ben sabedes na aula de 3º e que abriu unha zona de desafogo e un espazo de conversa.

Cando os vosos compañeiros empezaron co proxecto pensaron en pintar un banco do patio. Pero ao investigar algo do Land Art para o proxecto de Naturarte decidiron facer unha pequena intervención no patio do cole. Inspiráronse en Ugo Rondinone, un artista que ten unha obra no Deserto de Mojave, ao sur das Vegas, denominada “Seven Magic Mountains” e trátase de sete torres de rocas de pedra caliza pintadas con cores fluorescentes. 

Así naceu o "Recuncho Riquiño", un grupo de tres pedras pintadas con cores suaves e debuxos, convertido nun lugar para relaxarse, desafogarse, charlar e divertirse. Aseguramos que funciona e que algún problemas do patio foron solucionados neste espazo.  Cando un neno ou nena senta nestas pedras alguén de 3º corre a axudalo ou semplemente a escoitar. Este é o noso Recuncho Riquiño.

Se picades na imaxe podedes ver a proposta de Ugo Rondinone:




NATURARTE 3º: FOTOS FERMOSAS

Ola amiguiños e amiguiñas!! Como ben sabedes andamos a voltas co proxecto Naturarte. Terceiro finalizou o trimestre presentándonos un proxecto moi interesante que está pensado para facer en familia.

Propóñennos saír a pasear pola contorna e aproveitar xuntos o tempo de lecer, un paseo pola natureza para observala e descubrir formas, cores, detalles pintorescos... e inmortalizar eses momentos nunha fermosa foto.

Así o fixeron eles. Cada un trouxo as súas fotos e crearon o seu propio "instagram" de aula. As comentaron e contaron a historia da súa foto. Queredes velas?