Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe temos unha sorpresa moi grata. Os vosos compañeiros e compañeiras de 4º fixéronnos un agasallo: o conto de Pepuka e o monstro que se levou o seu sorriso de Estela Moreno Bermúdez.
Trátase do mesmo conto que interpretaron para todo o cole con motivo do "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller" . Un conto que é un referente moi importante para traballar este tema durante a infancia, e que, polo tanto, ten que estar en todas as bibliotecas escolares. Grazas a 4º xa está na nosa dende hoxe, agardando por todos vós.
Moitas grazas 4º pola vosa colaboración e o voso agasallo!!!
Ola amiguiños e amiguiñas!! O 25 de novembro celebramos o "Día internacional da Eliminación da Violencia contra a muller". Coa súa conmemoración queremos denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas en todos os países para rematar con isto.
Vilas, cidades, escolas... tínguense de morado para lembrar esta data e fanse actividades variadas, charlas informativas, concentracións,... dirixidas a terminar coa violencia de xénero.
Dende a nosa escola vivimos esta data nas aulas traballando cos compañeiros dun xeito máis específico. Tamén ao longo da semana fixemos lecturas con esta temática para debater na aula durante a "Hora de Ler". Coas nosas conclusións elaboramos lazos morados que medraron na nosa árbore do 25-N situada na entrada do cole.
Pero isto non foi todo. Os compañeiros e compañeiras de 4º quixeron achegarnos un pouco máis a importancia desta data a través da representación do conto "Pepuka e o monstro que lle levou o sorriso", para rematar reflexionando sobre a importancia desta data e as conclusión do seu traballo.
Estela Moreno é a autora deste conto que aborda a violencia de xénero para que, dende a infancia, aprendamos a traballar a importancia do bo trato e da autoestima.
Non deixedes de ver o conto, representativo do que o 25N significa.
Ola amiguiños e amiguiñas!! Os nenos e nenas de terceiro estiveron a facer unha tarefa moi bonita en Proxecto Competencial que compartiron con todos e todas nós.
Trátase dunha tarefa moi entretida e divertida: investigar sobre o "Sorriso" e conseguir co seu traballo alegrarnos o día a toda a comunidade educativa, dende a todos os nenos e nenas do cole ata ás cociñeiras.
A verdade que non saiu nada mal!! Todos o pasamos moi ben coas mensaxes tan fantásticas dos corredores, para coller e regalar. A información do mural do primeiro andar deixounos datos sobre o sorriso moi interesantes... Por isto e outros motivos non podemos esquecer o importante que é o sorriso e por iso:
Ola amiguiños e amiguiñas!! O Samaín trouxo moitas actividades e sorpresas, entre elas a interpretación do conto "A min non me comas" de Margarita del Mazo publicado en OQO Editora.
Na nosa "Aula do medo" da biblioteca o alumnado de 6º fixo dous pases para que todo o alumnado do cole puidese gozar dun conto, que aínda que non daba moito medo, traballaba unha temática moi acorde coa época do ano. Un conto que conseguiu que nenos e maiores pasáramos un ratiño moi divertido. Non volo perdades!!
Ola amiguiños e amiguiñas!! O pasado 16 de outubro Abraham Cupeiro estivo en Bandeira co seu espectáculo "Panxea".
Abraham Cupeiro caracterízase pola recuperación de instrumentos perdidos no tempo e utilizalos para crear novas sonoridades e incluso empregalos na interpretación de músicas alleas a eles.
As nosas reporteiras de Radio Garabullo Uxía, Xulia e Irene participaron no concerto xunto coa Banda de Bandeira e a Unión Musical de Ponteledesma; e aproveitaron a ocasión para sacar a súa gravadora e facerlle unha pequena entrevista. Queredes escoitala?
Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe Radio Garabullo comezou a súa emisión con tres novas locutoras: Patricia, Antía e Fabiana de 5º. Estas tres rapazas farán de reporteiras e irán tomando nota de todo o que acontece no centro ao longo de cada mes para crear un pequeno "podcast" de todo o que pasa no centro e que será emitido en directo para o comedor. A primeira emisión de hoxe estivo adicada ao mes de outubro. Queredes escoitala?
Ola amiguiños e amiguiñas!! Aquí temos o resultado dun traballo de invetigación feito por todos os nenos e nenas do cole: O Monte Viso e os Seres Fabulosos que nel residen.
Durante o mes do Samaín nas aulas coñecemos a existencia do Monte Viso. Un monte que hai preto de Santiago. Nel podemos atopar unha senda duns seis quilómetro que acolle unha serie de personaxes, a tamaño real, pertencentes á mitoloxía galaica. As lendas que rodean a estes seres míticos espertaron a nosa curiosidade e investigamos a aqueles que máis nos gustaron, para recrear a nosa propia versión do Monte na nosa biblioteca. Un entorno fermoso, máxico e de certa tensión mesturada con medo e curiosidade para gozar dun Samaín máis noso que nunca.
Ola amiguiños e amiguiñas!! Atrás queda o "Día das Bibliotecas Escolares". Vivimos un día intenso na biblioteca e moi divertido. Grazas as vosas pesquisas e traballo puidemos colocar cada libro no seu andel, descubrir o lema das Bibliotecas Escolares deste ano, lembrar como se chama o Proxecto proposto pola nosa biblioteca para investigar e dar a coñecer a todo o cole. Ollamos un vídeo informativo feito polos axudantes de biblioteca e pasamos un día moi feliz e e entretido. Umha mostra as vosas cariñas, a atención e a participación en todas as actividades propostas. Como recompensa un agasallo e agora este vídeo coas fotos de todos os que o 24 pasachedes pola Biblioteca José López Casal. A biblioteca do CEIP Ramón de Valenzuela.
Premendo na imaxe podedes ver as actividades do PDI: "Facendo Camiño"
Facendo Camiño.
Blog de voz Natura do CEIP Ramón de Valenzuela
Radio Garabullo
BIBLIOTECAS CREATIVAS
Bibliotecas Escolares
Equipo de Normalización da Lingua Galega
Proxecto Meiga
Consulta os libros da nosa biblioteca
Revista Criaturas
Ola amiguiños/as!
O Ceip de Bandeira convídavos a coñecer, coa axuda de Garabullo, a nosa Biblioteca e a mergullarvos no fascinante mundo dos libros. Neste curso viaxaremos ao espazo... AGARDÁMOSVOS!!!!