lunes, 28 de noviembre de 2022

GRAZAS 4º

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe temos unha sorpresa moi grata. Os vosos compañeiros e compañeiras de 4º fixéronnos un agasallo: o conto de Pepuka e o monstro que se levou o seu sorriso de Estela Moreno Bermúdez.

Trátase do mesmo conto que interpretaron para todo o cole con motivo do "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller" . Un conto que é un referente moi importante para traballar este tema durante a infancia, e que, polo tanto, ten que estar en todas as bibliotecas escolares. Grazas a 4º xa está na nosa dende hoxe, agardando por todos vós.

Moitas grazas 4º pola vosa colaboración e o voso agasallo!!!



 

domingo, 27 de noviembre de 2022

"Pepuka e o monstro que lle roubou o sorriso" ALUMNADO DE 4º e o 25 de novembro

Ola amiguiños e amiguiñas!! O 25 de novembro celebramos o "Día internacional da Eliminación da Violencia contra a muller". Coa súa conmemoración queremos denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas en todos os países para rematar con isto.

Vilas, cidades, escolas... tínguense de morado para lembrar esta data e fanse actividades variadas, charlas informativas, concentracións,... dirixidas a terminar coa violencia de xénero.

Dende a nosa escola vivimos esta data nas aulas traballando cos compañeiros dun xeito máis específico. Tamén ao longo da semana fixemos lecturas con esta temática para debater na aula durante a "Hora de Ler". Coas nosas conclusións elaboramos lazos morados que medraron na nosa árbore do 25-N situada na entrada do cole.

Pero isto non foi todo. Os compañeiros e compañeiras de 4º quixeron achegarnos un pouco máis a importancia desta data a través da representación do conto "Pepuka e o monstro que lle levou o sorriso", para rematar reflexionando sobre a importancia desta data e as conclusión do seu traballo.

Estela Moreno é a autora deste conto que aborda a violencia de xénero para que, dende a infancia, aprendamos a traballar a importancia do bo trato e da autoestima.

Non deixedes de ver o conto, representativo do que o 25N significa.

lunes, 14 de noviembre de 2022

O SORRISO polo alumnado de 3º

Ola amiguiños e amiguiñas!! Os nenos e nenas de terceiro estiveron a facer unha tarefa moi bonita en Proxecto Competencial que compartiron con todos e todas nós.

Trátase dunha tarefa moi entretida e divertida: investigar sobre o "Sorriso" e conseguir co seu traballo alegrarnos o día a toda a comunidade educativa, dende a todos os nenos e nenas do cole ata ás cociñeiras.



A verdade que non saiu nada mal!! Todos o pasamos moi ben coas mensaxes tan fantásticas dos corredores, para coller e regalar. A información do mural do primeiro andar deixounos datos sobre o sorriso moi interesantes... Por isto e outros motivos non podemos esquecer o importante que é o sorriso e por iso:

SORRIDE MOITO!!😄😄😍😄😃

A MIN NON ME COMAS

Ola amiguiños e amiguiñas!! O Samaín trouxo moitas actividades e sorpresas, entre elas a interpretación do conto "A min non me comas" de Margarita del Mazo publicado en OQO Editora.

Na nosa "Aula do medo" da biblioteca o alumnado de 6º fixo dous pases para que todo o alumnado do cole puidese gozar dun conto, que aínda que non daba moito medo, traballaba unha temática moi acorde coa época do ano. Un conto que conseguiu que nenos e maiores pasáramos un ratiño moi divertido. Non volo perdades!!

domingo, 13 de noviembre de 2022

AS REPORTEIRAS DE RADIO GARABULLO con Abraham Cupeiro

Ola amiguiños e amiguiñas!! O pasado 16 de outubro Abraham Cupeiro estivo en Bandeira co seu espectáculo "Panxea".

Abraham Cupeiro caracterízase pola recuperación de instrumentos perdidos no tempo e utilizalos para crear novas sonoridades e incluso empregalos na interpretación de músicas alleas a eles.

As nosas reporteiras de Radio Garabullo Uxía, Xulia e Irene participaron no concerto xunto coa Banda de Bandeira e a Unión Musical de Ponteledesma; e aproveitaron a ocasión para sacar a súa gravadora e facerlle unha pequena entrevista. Queredes escoitala?

lunes, 7 de noviembre de 2022

AS NOVAS DO CEIP RAMÓN DE VALENZUEL

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe Radio Garabullo comezou a súa emisión con tres novas locutoras: Patricia, Antía e Fabiana de 5º. Estas tres rapazas farán de reporteiras e irán tomando nota de todo o que acontece no centro ao longo de cada mes para crear un pequeno "podcast" de todo o que pasa no centro e que será emitido en directo para o comedor.  A primeira emisión de hoxe estivo adicada ao mes de outubro. Queredes escoitala?

MONTE VISO e SAMAÍN

Ola amiguiños e amiguiñas!! Aquí temos o resultado dun traballo de invetigación feito por todos os nenos e nenas do cole: O Monte Viso e os Seres Fabulosos que nel residen.
Durante o mes do Samaín nas aulas coñecemos a existencia do Monte Viso. Un monte que hai preto de Santiago. Nel podemos atopar unha senda duns seis quilómetro que acolle unha serie de personaxes, a tamaño real, pertencentes á mitoloxía galaica. As lendas que rodean a estes seres míticos espertaron a nosa curiosidade e investigamos a aqueles que máis nos gustaron, para recrear a nosa propia versión do Monte na nosa biblioteca. Un entorno fermoso, máxico e de certa tensión mesturada con medo e curiosidade para gozar dun Samaín máis noso que nunca.




domingo, 6 de noviembre de 2022

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES II

Ola amiguiños e amiguiñas!! Atrás queda o "Día das Bibliotecas Escolares". Vivimos un día intenso na biblioteca e moi divertido. Grazas as vosas pesquisas e traballo puidemos colocar cada libro no seu andel, descubrir o lema das Bibliotecas Escolares deste ano, lembrar como se chama o Proxecto proposto pola nosa biblioteca para investigar e dar a coñecer a todo o cole. Ollamos un vídeo informativo feito polos axudantes de biblioteca e pasamos un día moi feliz e e entretido. Umha mostra as vosas cariñas, a atención e a participación en todas as actividades propostas. Como recompensa un agasallo e agora este vídeo coas fotos de todos os que o 24 pasachedes pola Biblioteca José López Casal. A biblioteca do CEIP Ramón de Valenzuela.