Ola amiguiños e amiguiñas!! O 25 de novembro celebramos o "Día internacional da Eliminación da Violencia contra a muller". Coa súa conmemoración queremos denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas en todos os países para rematar con isto.
Vilas, cidades, escolas... tínguense de morado para lembrar esta data e fanse actividades variadas, charlas informativas, concentracións,... dirixidas a terminar coa violencia de xénero.
Dende a nosa escola vivimos esta data nas aulas traballando cos compañeiros dun xeito máis específico. Tamén ao longo da semana fixemos lecturas con esta temática para debater na aula durante a "Hora de Ler". Coas nosas conclusións elaboramos lazos morados que medraron na nosa árbore do 25-N situada na entrada do cole.
Pero isto non foi todo. Os compañeiros e compañeiras de 4º quixeron achegarnos un pouco máis a importancia desta data a través da representación do conto "Pepuka e o monstro que lle levou o sorriso", para rematar reflexionando sobre a importancia desta data e as conclusión do seu traballo.Estela Moreno é a autora deste conto que aborda a violencia de xénero para que, dende a infancia, aprendamos a traballar a importancia do bo trato e da autoestima.
Non deixedes de ver o conto, representativo do que o 25N significa.
0 comentarios:
Publicar un comentario