Ola amguiños e amiguiñas!! O 5 de xuño conmemoramos no centro o Día Mundial do Medio Ambiente, unha data que nos lembra a importancia de coidar o planeta no que vivimos e de adoptar hábitos responsables no noso día a día.
O CONSUMO RESPONSABLE:
BIBLIOTECA/EDLG
Lemos porque nos peta!
Ola amguiños e amiguiñas!! O 5 de xuño conmemoramos no centro o Día Mundial do Medio Ambiente, unha data que nos lembra a importancia de coidar o planeta no que vivimos e de adoptar hábitos responsables no noso día a día.
Nesta ocasión, o alumnado de 6º de Educación Primaria desenvolveu un traballo moi completo no que combinaron diferentes formatos creativos e informativos. A través da elaboración de carteis, maquetas e códigos QR, deron forma a unha exposición na que explicaron e compartiron coñecementos sobre distintos aspectos clave do coidado do medio ambiente.
Entre os temas tratados estiveron o propio concepto de medio ambiente e a súa importancia, a xestión dos residuos e a problemática da contaminación, así como o cambio climático e as súas consecuencias. Tamén abordaron o consumo responsable e a necesidade de reducir o impacto das nosas accións cotiás, ademais de explicar o papel fundamental das enerxías renovables.
Outro dos bloques de traballo centrouse na biodiversidade e nas especies en perigo de extinción, así como na deforestación e os problemas ambientais asociados a esta práctica.
Un dos aspectos máis interesantes da proposta foi o uso dos códigos QR, que permitiron acceder a vídeos elaborados polo propio alumnado, ampliando así a información e achegando unha dimensión audiovisual e creativa ao traballo realizado.
Unha iniciativa que axuda a comprender mellor a realidade ambiental e que pon en valor o compromiso, a investigación e a capacidade de comunicación do alumnado de 6º.
Así comezaba a proposta... Un cartel coas instrucións
Ola amiguiños e amiguiñas! Os nenos e nenas de 1º ciclo de Primaria estiveron a gozar estes días dos materiais das Maletas Ponte a Zero, un recurso educativo do CEIDA que achega ao alumnado unha ampla selección de libros, contos e materiais relacionados co coidado do medio ambiente, a redución de residuos e os hábitos de vida sostibles.
Ao longo destas semanas, o alumnado aproveitou estes recursos para ampliar as súas investigacións, descubrir novas lecturas e seguir aprendendo sobre a importancia de respectar e coidar a natureza. Os libros da maleta convertéronse nunha ferramenta perfecta para buscar información, resolver dúbidas e espertar a curiosidade dos máis pequenos.
Esta experiencia encaixa á perfección co proxecto da biblioteca escolar que están a desenvolver este curso e que terá continuidade o vindeiro ano cun reto moi especial: a recuperación do horto escolar. A través das lecturas e actividades propostas, os nenos e nenas están a coñecer mellor o ciclo das plantas, a importancia da biodiversidade, a compostaxe e os beneficios de producir alimentos de forma responsable e respectuosa co medio.
Queremos agradecer ao CEIDA a cesión destas maletas, que nos permiten achegar a educación ambiental ao alumnado dunha forma atractiva, participativa e chea de aprendizaxes significativas.
Porque aprender a coidar a terra tamén se aprende lendo.
Ola amiguiños e amiguiñas!! Continuamos avanzando no noso PDI coa recuperación do
horto escolar e xa rematamos unha nova parte deste proxecto tan especial. Nesta ocasión, o alumnado de 1º de Primaria puxo en práctica a súa creatividade e habilidade empregando os lápices 3D para elaborar os letreiros dos útiles do horto, que xa quedaron colocados nos andeis do horto para manter todo organizado e preparado.
A plantación xa comezou, cada aula escolleu o que quería cultivar e agora toca repartir as quendas de coidado e rega.
Pouco a pouco, entre todas e todos, estamos devolvéndolle a vida ao noso horto escolar, aprendendo a coidar, colaborar e valorar a importancia da natureza e da alimentación saudable.
Ola amguiños e amiguiñas!! Os nenos e nenas de 3º e 4º de Primaria de Educación Primaria continúa implicado no coidado e recuperación do Coto da Gaiteira, un espazo do centro no que hai anos encheuse coa plantación de numerosas árbores frondosas, pero que co paso do tempo foi quedando algo descoidado.
Co obxectivo de coñecer mellor a súa historia e avanzar na súa recuperación, tivemos a sorte de contar coa visita de José, antigo mestre do cole, e impulsor deste fermoso proxecto, quen no seu día chegou a plantar máis de 40 especies diferentes de árbores.
Durante a xornada, o alumnado non só puido percorrer o coto da súa man, senón que tamén aproveitou para realizarlle unha entrevista, na que lles contou como foron os inicios deste espazo e lles deu valiosos consellos para coidalo e mantelo no futuro.
Se queredes saber o que falaron aquí tedes a entrevista realizada, así como un vídeo resumo desta experiencia tan enriquecedora.
Ola amiguiños e amiguiñas!! No noso centro estamos cada vez máis comprometidos co coidado do medio ambiente, e pouco a pouco imos dando pasos importantes para mellorar os nosos hábitos, especialmente no relacionado coa reciclaxe.
O alumnado de 5º de Primaria puxo en marcha unha iniciativa moi interesante: a vixiancia dos colectores do patio, asegurándose de que os residuos se depositen correctamente. Ademais, elaboraron cartelería clara e visual para axudar a toda a comunidade educativa a facer unha correcta separación do lixo.
Pola súa parte, en 3º e 4º de Primaria traballaron arredor do Día da Terra, reflexionando sobre a importancia de coidar o noso planeta e os pequenos xestos que podemos facer no día a día. Como resultado, crearon un cartel informativo que xa está colocado no 1º andar, recordándonos como separar correctamente os residuos.
Ademais, tivemos a visita de Fenando, o pai de Sabela, alumna de 5º, que traballa na recollida de lixo co camión. Estivo acompañado de José o seu compañeiro de traballo, de Paula a alcaldesa e de dous concelleiros Ángela e Requeijo. Grazas á súa explicación, puidemos coñecer de primeira man como é este servizo esencial, que ocorre cos residuos unha vez que os depositamos e a importancia de facer ben a separación dende a casa e o cole.
Todas estas accións forman parte dun compromiso común: ser máis responsables, máis conscientes e máis respectuosos co noso entorno.
Porque pequenos xestos… poden cambiar o mundo.
Ola amiguiños e amiguiñas! As nenas e nenos de 1º ciclo de Educación Primaria continúa avanzando no PDI da biblioteca “Melloramos cando recuperamos”, implicándose activamente na recuperación do Horto.
Onte foron recoller terra dos composteiros para comezar a preparar as camas de cultivo do noso horto. A través desta actividade, puideron comprobar de primeira man como os residuos orgánicos se transforman en terra fértil, comprendendo así a importancia da compostaxe e do coidado do medio ambiente.
Ademais, esta experiencia tamén lles permitiu reflexionar sobre o uso correcto dos composteiros, xa que atoparon nun lixo que non debía estar alí. Isto serviu para concienciarse aínda máis da necesidade de facer un bo uso destes espazos e respectar o medio.
Con moita ilusión e ganas de traballar, xa están deixando todo listo para plantar. Pouco a pouco, o noso horto vai volvendo á vida grazas ao seu traballo e compromiso .
Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe, 22 de abril, celebramos o Día da Terra. O alumnado de 2º ciclo de primaria quixo celebraresta data dunha maneira moi especial: creando o seu propio programa de radio.
A través deste podcast, comparten ideas, reflexións e compromisos para coidar o planeta, explicando con palabras sinxelas por que é tan importante protexer a nosa Terra.
Partindo do lema deste ano, “O noso poder, o noso planeta”, lembran que todas as persoas, tamén os nenos e nenas, poden facer pequenas accións que axudan a conseguir un mundo mellor.
Non esquezamos o traballo que xa se está a desenvolver no centro: a recuperación do Coto da Gaiteira ou a creación de murais informativos que temos na entrada do centro por parte do alumnado de 2º ciclo ou o traballo do alumnado de 5º para mellorar o reciclaxe e a recollida do lixo dos patios.
Queredes escoitalo?
Ola amiuguiños e amiguiñas! Como xa sabedes o alumnado do 2º ciclo de Educación Primaria celebrou o Día Internacional dos Bosques cunha actividade vinculada ao proxecto de biblioteca do centro.
Dentro deste proxecto, continúan traballando na recuperación do espazo “O coto da Gaiteira”, destinado á plantación de diferentes especies arbóreas.
Para conmemorar esta data, prepararon a narración do conto Wangari e as árbores da paz, que compartiron co resto das aulas, transmitindo valores de respecto e coidado polo medio natural.
Seguimos medrando xuntos, coidando o noso entorno
Ola, amiguiños e amiguiñas! Hoxe queremos compartir unha das actividades que vivimos na nosa biblioteca escolar, enmarcada dentro do noso Proxecto Documental Integrado (PDI).
O alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de Educación Primaria participou nun obradoiro de biblioteca creativa moi especial da man de Cristina e Jean-Ba, de Alouette Machine. Foi unha experiencia diferente, manipulativa e chea de significado, na que as nenas e nenos puideron achegarse ao mundo da imprenta manual.
Durante a sesión, descubriron como se elaboraban antigamente os carteis, empregando letras móbiles, tintas e prensas. Con moita ilusión e creatividade, foron creando as súas propias composicións, converténdose por un intre en auténticos impresores e impresoras.
O resultado deste traballo foi a creación de cartelería destinada a dous espazos moi importantes dentro do noso proxecto: o Horto e o Coto da Gaiteira. Deste xeito, a actividade non só tivo un valor artístico e manipulativo, senón tamén funcional, xa que as súas creacións formarán parte do día a día do centro.
Ademais, esta proposta permitiu traballar aspectos como a cooperación, a atención ao detalle, a expresión escrita e o respecto polos procesos tradicionais de creación, conectando o pasado co presente dunha maneira moi significativa.
Sen dúbida, foi unha experiencia enriquecedora que deixou pegada no noso alumnado e que contribúe a facer da biblioteca un espazo vivo, dinámico e cheo de aprendizaxes.
Moitas grazas a Cristina e Jean-Ba por achegarnos esta marabillosa actividade!
Ola, amiguiños e amiguiñas!
Como xa sabedes hai un Proxecto da Biblio onde Garabullo foi pedindo cousiñas. O alumnado do 1º ciclo tiña como obxectivo "Recuperamos o noso horto" e xa comezou a poñerse mans á obra.
Investigaron o que estaba a pasar e por que Garabullo pedía axuda...
Así que visitaron o horto e, despois de ver o o estado no que se atopaba, acordaron que cousas se podían facer. Unha das propostas foi solicitar a axuda das familias para limpar e arranxar o horto.
No vídeo podedes ver como estaba ao principio de todo e o proceso de cambio.
Dende aquí queremos agradecer ás familias do 1º ciclo toda a axuda prestada.
Ola amiguiños e amiguiñas!! Onte pasou unha cousa moi especial. Garabullo foi curso por curso para facer unha proposta moi especial! Quere que todas e todos investiguemos e traballemos nun novo Proxecto Documental Integrado (PDI) que leva por título “Melloramos cando recuperamos”.
A mensaxe é clara: cando coidamos o que xa temos, cando recuperamos espazos e lles damos unha segunda vida, todos e todas melloramos: o cole, o medio ambiente, e tamén nós mesmos.
Os máis pequenos recibiron a misión de pensar e investigar como facer do patio un lugar máis bonito, máis divertido e máis verde. Observan, debuxan, propoñen e mesmo fan pequenas investigacións sobre plantas e xogos. Están demostrando que as grandes ideas tamén veñen de peques moi pequenos.