Ola amguiños e amiguiñas!! O 5 de xuño conmemoramos no centro o Día Mundial do Medio Ambiente, unha data que nos lembra a importancia de coidar o planeta no que vivimos e de adoptar hábitos responsables no noso día a día.
O CONSUMO RESPONSABLE:
BIBLIOTECA/EDLG
Lemos porque nos peta!
Ola amguiños e amiguiñas!! O 5 de xuño conmemoramos no centro o Día Mundial do Medio Ambiente, unha data que nos lembra a importancia de coidar o planeta no que vivimos e de adoptar hábitos responsables no noso día a día.
Nesta ocasión, o alumnado de 6º de Educación Primaria desenvolveu un traballo moi completo no que combinaron diferentes formatos creativos e informativos. A través da elaboración de carteis, maquetas e códigos QR, deron forma a unha exposición na que explicaron e compartiron coñecementos sobre distintos aspectos clave do coidado do medio ambiente.
Entre os temas tratados estiveron o propio concepto de medio ambiente e a súa importancia, a xestión dos residuos e a problemática da contaminación, así como o cambio climático e as súas consecuencias. Tamén abordaron o consumo responsable e a necesidade de reducir o impacto das nosas accións cotiás, ademais de explicar o papel fundamental das enerxías renovables.
Outro dos bloques de traballo centrouse na biodiversidade e nas especies en perigo de extinción, así como na deforestación e os problemas ambientais asociados a esta práctica.
Un dos aspectos máis interesantes da proposta foi o uso dos códigos QR, que permitiron acceder a vídeos elaborados polo propio alumnado, ampliando así a información e achegando unha dimensión audiovisual e creativa ao traballo realizado.
Unha iniciativa que axuda a comprender mellor a realidade ambiental e que pon en valor o compromiso, a investigación e a capacidade de comunicación do alumnado de 6º.
Así comezaba a proposta... Un cartel coas instrucións
Ola amiguiños e amiguiñas! Os nenos e nenas de 1º ciclo de Primaria estiveron a gozar estes días dos materiais das Maletas Ponte a Zero, un recurso educativo do CEIDA que achega ao alumnado unha ampla selección de libros, contos e materiais relacionados co coidado do medio ambiente, a redución de residuos e os hábitos de vida sostibles.
Ao longo destas semanas, o alumnado aproveitou estes recursos para ampliar as súas investigacións, descubrir novas lecturas e seguir aprendendo sobre a importancia de respectar e coidar a natureza. Os libros da maleta convertéronse nunha ferramenta perfecta para buscar información, resolver dúbidas e espertar a curiosidade dos máis pequenos.
Esta experiencia encaixa á perfección co proxecto da biblioteca escolar que están a desenvolver este curso e que terá continuidade o vindeiro ano cun reto moi especial: a recuperación do horto escolar. A través das lecturas e actividades propostas, os nenos e nenas están a coñecer mellor o ciclo das plantas, a importancia da biodiversidade, a compostaxe e os beneficios de producir alimentos de forma responsable e respectuosa co medio.
Queremos agradecer ao CEIDA a cesión destas maletas, que nos permiten achegar a educación ambiental ao alumnado dunha forma atractiva, participativa e chea de aprendizaxes significativas.
Porque aprender a coidar a terra tamén se aprende lendo.
Ola amiguiños e amiguiñas!! Esta semana, grazas á Biblioteca Creativa, as sesións de Educación Física tiveron unha visita moi especial: o robot Photon .
O seu papel foi o de dinamizar as clases a través de diferentes retos cooperativos nos que o alumnado tiña que pensar, organizarse e moverse para conseguir chegar ao obxectivo. Non era só xogar por xogar, senón aprender a resolver situacións en equipo.
A través destas actividades, o alumnado puido descubrir outra forma de facer Educación Física, na que se unen o razoamento, as habilidades motrices e, sobre todo, a cooperación. Porque cada vez que o reto se conseguía, non era mérito individual, senón resultado do traballo conxunto de todo o grupo.
Unha experiencia diferente, divertida e moi enriquecedora que nos axuda a seguir aprendendo mentres xogamos.
Ola amiguiños e amiguiñas! O alumando do 3º ciclo participou o venres nun dos obradoiros do programa Rural TIC, unha iniciativa impulsada por Ineco e promovida polo Concello de Silleda para continuar achegando a tecnoloxía e as competencias dixitais ao rural.
Nesta ocasión, o alumnado de 5º e 6º de primaria, puido achegarse ao mundo da programación a través de Scratch, unha ferramenta educativa coa que aprenderon, dun xeito divertido e creativo, os primeiros pasos da programación informática.
Durante a sesión realizaron pequenas actividades e retos adaptados á súa idade, desenvolvendo a lóxica, a creatividade e o pensamento computacional mentres aprendían xogando.
Agradecemos ao Concello de Silleda e ás persoas encargadas do programa Rural TIC esta interesante proposta formativa.
Ola amiguiños e amiguiñas! Dende esta semana loce na fachada do noso cole unha nova imaxe dedicada á homenaxeada das Letras Galegas deste ano, a gran Begoña Caamaño.
Ola amiguiños e amiguiñas!! O pasado xoves para celebrar as Letras Galegas e homenaxear á figura de Begoña Caamaño o alumnado de 6º de Primaria puxo en marcha a súa creatividade para realizar un programa de radio moi especial: unha entrevista imaxinaria a Begoña Caamaño.
As nosas reporteiras nvestigaron sobre a súa vida e obra, prepararon preguntas e déronlle voz a esta autora tan importante das Letras Galegas.
Aproveitaron, tamén, para ler pequenos tips informativos e descubrir aspectos clave da traxectoria e da importancia de Begoña Caamaño na literatura galega, a través da cartelería enviada pola Xunta,
Ola amiguiños e amiguiñas! Estamos de celebración! Queremos felicitar a Mariña de 6º de Primaria por gañar un premio no programa Escola en Camiño, organizado polo xornal Faro de Vigo.
Este programa achega ao alumnado ao Camiño de Santiago a través da imaxinación e a creación, propoñendo actividades como debuxos, textos ou vídeos.
Mariña participou cun debuxo cheo de creatividade, no que soubo representar o espírito do Camiño. O seu traballo foi recoñecido polo xurado, converténdose nun exemplo do talento e creatividade.
Parabéns polo teu gran traballo!
Ola amiguiños e amiguiñas!! Un ano máis chega o "Lambecazolas". Atendede á información e preparade as vosas receitas!! Non esquezades que teñen que ser saudables!!
Ola amguiños e amiguiñas!!
No marco das Letras Galegas, compartimos unha nova publicación na que podedes atopar información completa e actualizada sobre a vida e a obra de Begoña Caamaño, a autora homenaxeada este ano.
Trátase dun recurso pensado para achegarnos de maneira clara e ordenada á súa figura, permitindo ao alumnado coñecer mellor quen foi, que escribiu e cal foi a súa achega á literatura galega.
Nesta publicación poderedes:
📖 Coñecer os aspectos máis importantes da súa biografía.
📖 Achegarvos ás súas obras máis destacadas.
📖 Comprender a relevancia do seu legado cultural.
Animámosvos a ler con calma, investigar e seguir descubrindo a riqueza da nosa literatura.
Porque coñecer ás nosas autoras e autores é tamén unha forma de manter viva a nosa lingua. Premede na imaxe
#LetrasGalegas #BegoñaCaamaño
Ola amguiños e amiguiñas!!
Seguimos aprendendo e gozando coas Letras Galegas cunha proposta diferente e moi divertida: xogos en liña para comprobar todo o que sabemos sobre Begoña Caamaño.
A través destes recursos interactivos, o alumnado poderá poñer a proba os seus coñecementos dun xeito lúdico, repasando a súa vida, a súa obra e a súa importancia na literatura galega.
Con estes xogos poderedes:
🎮 Aprender xogando.
🎮 Reforzar contidos traballados na aula.
🎮 Compartir e gozar en familia.
Animámosvos a participar, probar os xogos e demostrar todo o que xa sabedes!
Porque aprender tamén pode ser divertido!
Ide premendo nas imaxes!!
#LetrasGalegas #BegoñaCaamaño
Ola amiguiños e amiguiñas! Como xa sabedes os nenos e nenas de 4º participaron na II Edición dos Premios José Hermida de Radio Pontevedra, chegando á final cun podcast baseado no conto “A mellor sopa do mundo”, no que se destacou a importancia dunha alimentación saudable e de proximidade.
Aínda que non acadamos o premio principal, recibimos unha mención especial por parte de Vegalsa, unha empresa das que patrocinaban o certame, que quixo recoñecer o noso traballo cun pequeno agasallo para o alumnado.
Ademais, tivemos a sorte de contar coa visita de Paula, alcaldesa de Silleda, e de Ángela, concelleira de Educación, que quixeron compartir con nós este recoñecemento.
Dende o centro queremos agradecer este xesto e felicitar ao noso alumnado pola súa implicación, creatividade e esforzo.
Aquí deixamos un resumo dunha xornada inesquecible e emocionante.
Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe o alumnado de 4º vai a estar na II Gala dos Premios José Hermida, xunto con outros 20 centros, fson finalistas dos Premios Joseé Hermida do Grupo Radio Pontevedra. Alí coñeceremos os gañadores desta 2ª Edición.
Animámosvos a seguir en directo a gala nesta ligazón
https://www.youtube.com/@RadioPontevedraSER , nas emisoras 1116 OM, 92.7FM, na APP da Cadena Ser, y en la web de Radio Pontevedra. ás 10:45 e de seguido, escoitedes o programa especial cos gañadores, Hoy por Hoy Pontevedra-Arosa I Premios José Hermida ás 12:25 ben a través da aplicación ou das emisoras convencionais: Radio Pontevedra no 98.7 FM, Radio Arosa 95.6 FM ou Radio Pontevedra Deza-Tabeiros 92.2 FM.
Moita sorte a todos e todas!!!
Ola amiguiños e amiguiñas!! O pasado 2 de maio foi o Día Mundial contra o Bullying, no noso centro sumámonos á conmemoración desta data clave para reflexionar, aprender e seguir construíndo unha escola segura e respectuosa para todos e todas.
Sabemos que o bullying non sempre é visible, pero sempre doe, e de que todos e todas podemos facer algo para evitalo: escoitar, acompañar, pedir axuda e, sobre todo, tratar aos demais como nos gustaría que nos tratasen.
Desde o noso cole queremos seguir reforzando unha mensaxe clara:
- O respecto é cousa de todos e todas.
- A amizade constrúese día a día.
- Xuntos e xuntas somos máis fortes contra o acoso.
Seguiremos traballando para que a nosa escola sexa un espazo onde cada neno e cada nena se sinta valorado, escoitado e feliz.
Lembrade que ademais no noso centro contamos cun Punto Laranxa, situado no pasillo que vai cara aos baños que empregamos no recreo. Tamén na páxina web do centro (no lateral dereito), podedes acceder premendo na imaxe.
O Punto Laranxa serve para lembrar que:
🧡 Pedir axuda é valente.
🧡 Todas as persoas merecen ser escoitadas.
🧡 Entre todos e todas podemos coidar o bo trato no cole.
Por outra banda, dende a biblioteca aconsellamos a lectura do libro de Eloy Moreno: Invisible nas dúas versións que temos no cole tanto para prelectores coma para lectores autónomos.
Ola amiguiños e amiguiñas!! Benvidos a Radio Garabullo... Hoxe, na nosa radio… hai algo especial ✨
Hai voces que emocionan.
Hai palabras que acompañan.
Hai familias que están… sempre.
O noso alumnado é finalista da II edición dos Premios José Hermida de Radio Escolar, organizados por Radio Pontevedra do grupo Cadena SER.
Entre 107 centros e 117 podcasts, o seu traballo foi elixido como un dos 20 mellores.
E iso… xa é un gran premio... NORABOA!!
Pero hoxe non falamos só de logros.
Hoxe falamos de emocións.
Porque as nais e pais quixeron achegarse á nosa emisora…
coller un micrófono…
e dicir algo moi importante:
“Estamos orgullosos de vós”
Un podcast cheo de agarimo, ánimo e ilusión para a gran final.
Porque detrás de cada neno e nena… Hai unha familia que apoia, que anima e que cre.
E iso… tamén conta. E moito.
👏 Parabéns, finalistas
🍀 Moita sorte na final
Agora si… escoitamos
Baixo o lema “Libros que alimentan”, organizamos un posto moi solidario no que todo o alumnado puido intercambiar libros por produtos de hixiene, alimentos non perecedoiros ou facer unha pequena doazón. Todo o recadado foi entregado a servizos sociais para axudar ás familias que máis o precisan.
A actividade non quedou só no posto, senón que continuou nas aulas con diferentes propostas:
Foi unha xornada chea de aprendizaxes, convivencia e solidariedade, na que demostramos que os libros tamén poden alimentar… e moito máis que a mente 💫
🎥 Aquí vos deixamos un vídeo resumo de todo o vivido!
Ola amguiños e amiguiñas!! Os nenos e nenas de 3º e 4º de Primaria de Educación Primaria continúa implicado no coidado e recuperación do Coto da Gaiteira, un espazo do centro no que hai anos encheuse coa plantación de numerosas árbores frondosas, pero que co paso do tempo foi quedando algo descoidado.
Co obxectivo de coñecer mellor a súa historia e avanzar na súa recuperación, tivemos a sorte de contar coa visita de José, antigo mestre do cole, e impulsor deste fermoso proxecto, quen no seu día chegou a plantar máis de 40 especies diferentes de árbores.
Durante a xornada, o alumnado non só puido percorrer o coto da súa man, senón que tamén aproveitou para realizarlle unha entrevista, na que lles contou como foron os inicios deste espazo e lles deu valiosos consellos para coidalo e mantelo no futuro.
Se queredes saber o que falaron aquí tedes a entrevista realizada, así como un vídeo resumo desta experiencia tan enriquecedora.
Ola amiguiños e amiguiñas! Continuamos coa celebración da semana do Día do Libro e coas preguntas relacionadas con vós e a lectura. Hoxe foi a quenda do alumnado de 5º que aproveitaron os apadriñamentos lectores para facernos as preguntas.
Así, despois das lecturas, percorreron todo o patio, micro en man, preguntando a compañeiros e compañeiras, a algúns mestres e as familias:
Cal é o voso conto favorito?
Queredes saber as vosas respostas? Pois... adiante vídeo!
Ola amiguiños e amiguiñas!! No noso centro estamos cada vez máis comprometidos co coidado do medio ambiente, e pouco a pouco imos dando pasos importantes para mellorar os nosos hábitos, especialmente no relacionado coa reciclaxe.
O alumnado de 5º de Primaria puxo en marcha unha iniciativa moi interesante: a vixiancia dos colectores do patio, asegurándose de que os residuos se depositen correctamente. Ademais, elaboraron cartelería clara e visual para axudar a toda a comunidade educativa a facer unha correcta separación do lixo.
Pola súa parte, en 3º e 4º de Primaria traballaron arredor do Día da Terra, reflexionando sobre a importancia de coidar o noso planeta e os pequenos xestos que podemos facer no día a día. Como resultado, crearon un cartel informativo que xa está colocado no 1º andar, recordándonos como separar correctamente os residuos.
Ademais, tivemos a visita de Fenando, o pai de Sabela, alumna de 5º, que traballa na recollida de lixo co camión. Estivo acompañado de José o seu compañeiro de traballo, de Paula a alcaldesa e de dous concelleiros Ángela e Requeijo. Grazas á súa explicación, puidemos coñecer de primeira man como é este servizo esencial, que ocorre cos residuos unha vez que os depositamos e a importancia de facer ben a separación dende a casa e o cole.
Todas estas accións forman parte dun compromiso común: ser máis responsables, máis conscientes e máis respectuosos co noso entorno.
Porque pequenos xestos… poden cambiar o mundo.
Ola amguiños e amiguiñas! Acabamos de rematar unha semana moi especial arredor da lectura, chea de propostas que nos fixeron gozar, compartir e descubrir o pracer de ler dende diferentes perspectivas.
Comezamos levando os libros ao aire libre na "Hora de Ler”, onde pequenos e maiores puideron desfrutar das súas historias favoritas aproveitando o bo tempo, nun ambiente relaxado e diferente.
Continuamos cunha das nosas tradicións máis queridas: os apadriñamentos lectores, nos que alumnado de Infantil e Primaria compartiu lecturas, creando vínculos moi especiais entre maiores e pequenos. Unha actividade que, ano tras ano, segue sendo das máis agardadas!
O alumnado de 5º e 6º de Primaria tamén puxo en marcha unha proposta moi creativa e sostible: a elaboración de marcapáxinas a partir de libros vellos. Estes marcapáxinas foron repartidos entre os compañeiros e compañeiras do centro, dándolle unha nova vida a materiais que xa non se utilizaban e fomentando, ao mesmo tempo, o gusto pola lectura.
![]() |
| Alumnado de 5º e 6º repartindo os marcapáxinas |
As respostas deixáronnos ver a gran variedade de gustos e, sobre todo, que a lectura forma parte do día a día do noso alumnado, xa sexa na casa, no cole ou en calquera recuncho especial.
Todo este traballo estivo acompañado por un mural na entrada do centro, que foi elaborado, polo alumnado de 5º, con libros vellos e materiais reutilizados, aos que lles demos unha nova vida para convertelos nunha fermosa decoración chea de creatividade e significado.
![]() |
| Preparando o Mural |
![]() |
| O RESULTADO |
E aínda nos queda unha das citas máis solidarias (que será o 29 na feira): a nosa feira do libro, na que intercambiaremos libros procedentes do expurgo por alimentos non perecedoiros ou produtos de hixiente. Todo o recollido será doado ao Concello para axudar ás familias que máis o precisan. Un xeito de unir lectura e solidariedade.
Sen dúbida, foi (e segue sendo) unha celebración moi completa, na que a lectura se converteu no eixo para aprender, compartir e tamén axudar aos demais.
Ola amiguiños e amiguiñas! As nenas e nenos de 1º ciclo de Educación Primaria continúa avanzando no PDI da biblioteca “Melloramos cando recuperamos”, implicándose activamente na recuperación do Horto.
Onte foron recoller terra dos composteiros para comezar a preparar as camas de cultivo do noso horto. A través desta actividade, puideron comprobar de primeira man como os residuos orgánicos se transforman en terra fértil, comprendendo así a importancia da compostaxe e do coidado do medio ambiente.
Ademais, esta experiencia tamén lles permitiu reflexionar sobre o uso correcto dos composteiros, xa que atoparon nun lixo que non debía estar alí. Isto serviu para concienciarse aínda máis da necesidade de facer un bo uso destes espazos e respectar o medio.
Con moita ilusión e ganas de traballar, xa están deixando todo listo para plantar. Pouco a pouco, o noso horto vai volvendo á vida grazas ao seu traballo e compromiso .