domingo, 4 de junio de 2023

Obradoiros de HABILIDADES SOCIAIS e EMOCIÓNS!!

Ola amiguiños e amiguiñas!! Ao longo deste curso María Jesús, a mestra de PT, en colaboración coas titoras de 4º e 5º traballou habilidades sociais aplicadas a distintas situacións.
Traballando en pequenos grupos foron creando contos e cómics que implicaban a exposición e representación dos contos empregando imaxe, xestos,... Buscaban situacións de conflicto onde poder entender as emocións dos implicados e ao mesmo tempo pór en práctica as habilidades adquiridas durante os obradoiros.
Con esta actividade buscaban abrir un espazo para a comunicación, a reflexión e a actuación ante os distintos conflictos e situacións de desigualdade que se dan na nosa vida diaria.
Unha vez feitos os Obradoiros decidiron representar as súas creacións ao resto dos compañeiros do cole. En distintos momentos e durante a "Hora de Ler" foron pasando por todas as aulas. Queredes ver o seu traballo?

jueves, 1 de junio de 2023

NATURARTE 1º: ESTAMPACIÓN

Ola amiguiños e amiguiñas!! Continúan saíndo actividades resultado do proxecto de investigación que propuxemos: Naturarte

Os nenos e nenas de 1º investigaron como podían facer debuxos coa froita e chegou a eles o concepto de ESTAMPACIÓN; é dicir o proceso de impresión en distintos materiais: telas, coiros ou papeis entre outros.

O alumnado de 1º escolleu a "Estampación" de elementos que tiñan ao seu redor e probaron con froitas, verduras, follas, flores,... impregnados en témpera, acuarela, pintura de mans, tinta... para ver cal quedaba mellor. Tamén probaron con moitos materiais variados entre eles pedras, foam e gomas...

Cos resultados da súa investigacion decidiron sorprender ao alumnado do CEIP Plurilingüe de Oca facéndolles un marcapáxinas como agasallo para conmemorar o "Día das Letras Galegas".

No vídeo podedes ver todo o proceso e o resultado. Os nenos e nenas de 1º anímanvos a probar esta técnica moi rápida e divertida.

RECUNCHO RIQUIÑO

Ola amiguiños e amiguiñas!! O "Recucho Riquiño" precisaba dunha entrada especial polo valor que ten para nós. Foi un proxecto que naceu, coma ben sabedes na aula de 3º e que abriu unha zona de desafogo e un espazo de conversa.

Cando os vosos compañeiros empezaron co proxecto pensaron en pintar un banco do patio. Pero ao investigar algo do Land Art para o proxecto de Naturarte decidiron facer unha pequena intervención no patio do cole. Inspiráronse en Ugo Rondinone, un artista que ten unha obra no Deserto de Mojave, ao sur das Vegas, denominada “Seven Magic Mountains” e trátase de sete torres de rocas de pedra caliza pintadas con cores fluorescentes. 

Así naceu o "Recuncho Riquiño", un grupo de tres pedras pintadas con cores suaves e debuxos, convertido nun lugar para relaxarse, desafogarse, charlar e divertirse. Aseguramos que funciona e que algún problemas do patio foron solucionados neste espazo.  Cando un neno ou nena senta nestas pedras alguén de 3º corre a axudalo ou semplemente a escoitar. Este é o noso Recuncho Riquiño.

Se picades na imaxe podedes ver a proposta de Ugo Rondinone:




NATURARTE 3º: FOTOS FERMOSAS

Ola amiguiños e amiguiñas!! Como ben sabedes andamos a voltas co proxecto Naturarte. Terceiro finalizou o trimestre presentándonos un proxecto moi interesante que está pensado para facer en familia.

Propóñennos saír a pasear pola contorna e aproveitar xuntos o tempo de lecer, un paseo pola natureza para observala e descubrir formas, cores, detalles pintorescos... e inmortalizar eses momentos nunha fermosa foto.

Así o fixeron eles. Cada un trouxo as súas fotos e crearon o seu propio "instagram" de aula. As comentaron e contaron a historia da súa foto. Queredes velas?






lunes, 29 de mayo de 2023

DÍA INTERNACIONAL CONTRA O ACOSO ESCOLAR

Ola amiguiños e amiguiñas!! Coma sabedes o pasado 2 de maio foi o "Día Internacional contra o Acoso Escolar".

Durante este mes a clase de terceiro estivo traballando sobre esta temática e buscando ideas para loitar todos xuntos contra o bullying.

Un gran proxecto foi transformar un espazo do cole nun lugar para relaxarse, desafogarse, charlar, divertirse... este é o recuncho riquiño! Entre todo o cole estaremos atentos a se algún compañeiro ou compañeira acode ao lugar e precisa axuda.




Obradoiro con Paola Guimeráns

Ola amiguiños e amiguiñas!! A pasada semana contamos coa visita de Paola Guimeráns que, grazas a Bibliotecas Creativas, estivo no noso centro fancendo obradoiros co alumnado de infantil, 2º e 3º de primaria.

En terceiro empezaron cosendo con fío condutor para crear distintos bonecos, personaxes de historias inventadas. En segundo empregando scratch para programar e en infantil crearon contos coas placas makey makey e con plastilina condutora. Os máis pequenos achegáronse ao mundo da arte. 

No seguinte vídeo podedes ver un pequeno resumo do que aprendemos e vivimos.

jueves, 25 de mayo de 2023

FESTIVAL LETRAS GALEGAS 2023

Ola amiguiños e amiguiñas!! O pasado 19 de maio celebramos o "Festival das Letras Galegas". Escollemos A cantiga tradicional coma tema para homenaxear a Francisco Fernández del Riego tendo en conta o moito que lle gustaban.

Pero gardamos unha pequena sorpresa para comezar o Festival.  O alumnado de 4º fixo unha representación de "Garabullando" . A modo de "Concurso Radiofónico" foron interpretando unha situación moi divertida de xogo onde dous equipos concursaban para gañar o máximo número de Garabullos, amosando todo o seu coñecemento sobre as Letras Galegas e o seu homenaxeado.


E despois deste programa tan instructivo, divertido e cheo de curiosidades chegou o momento das Cantigas Tradicionais... Pero non só sabedes cantar!! Tamén bailades e tocades. Aceptades calquera reto. Sodes marabillosos!! Queredes ver coma o fixechedes? Aí van o vídeos:

INFANTIL:


1º de Primaria:


2º de Primaria:


3º de Primaria:


5º de Primaria:


6º de Primaria:

domingo, 21 de mayo de 2023

CONCURSO FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

Ola amiguiños e amiguiñas!! Un ano máis celebramos a Semana das Letras Galegas con actividades na aula aprendendo cousas sobre Francisco Fernádez del Riego e celebrando a nosa "Festa das Letras" cun pequeno festival.

Os compañeiros e compañeiras de 4º empezaron facendo un pequeno podcast sobre a figura de Francisco Fernández del Riego. A través dun concurso de preguntas e respostas foron achegándonos moita información deste grande personaxe ao que este ano lle dedicamos as Letras Galegas. Con este podcast participaron no "V concurso de podcasts-Radio na biblio" e aínda que non gañaron estamos moi satisfeitos e orgullosos deste traballo. Aquí deixamos o concurso que gravaron na Radio para que escoitedes e aprendades moito de Francisco Fernández del Riego.


domingo, 14 de mayo de 2023

Obradoiro de Radio para 4º con Cristina Collazo

Ola amiguiños e amiguiñas!! Como ben sabedes a radio esixe de determinadas habilidades físicas, emocionais, mentais... Non somos capaces de velo ata que poñemos os cascos e queremos gravar un podcast.

Ao longo de varias sesións os vosos compañeiros e compañeiras de 4º tiveron a sorte de participar nun "Obradoiro de Radio" da man de Cristina Collazo. Ensinoulles a importancia de coidar e quentar a voz, de preparar o corpo e de estar fisicamente ben preparados para empezar a gravar. Pero tamén amosoulles a importancia da respiración e de modular a voz, de ser rápidos mentalmente, de ser activos, de coñecer as emocións e ser quen de amosalas en distintas situacións, o valor da creatividade e da improvisación. 

Foron sesións moi divertidas e nas que aprenderon moitísimo. Queredes ver o ben que o pasaron? Ollade!!

viernes, 12 de mayo de 2023

FEGADACE con 1º e 2º de PRIMARIA

Ola amiguiños e amiguiñas!! O pasado mércores os nenos e nenas de 1º e 2º tiveron unha charla moi interesante. FEGADACE A Federación Galega de Dano Cerebral. Esta asociación persegue a defensa dos intereses e a mellora da calidade de vida dos galegos e galegas con dano cerebral adquirido e dos seus familiares. 

Grazas a Andrea que nos trouxo o conto dos Bolechas : "Mireia conta que é o dano cerebral adquirido", os nenos e nenas de 1º e 2º de primaria foron aprendendo cousas máis que interesantes sobre este tema. Xa tedes o conto na biblioteca para revisar e ver as cousas tan interesantes que os vosos compañeiros aprenderon.