viernes, 23 de diciembre de 2022

PROXECTO NATURARTE

Ola amiguiños e amiguiñas!! Chegou o momento de poñer a andar o Proxecto máis directamente na aula.

Naturarte é o que está a rodear todas as actividades que estamos a facer no cole este ano. Tanto as que fomos propoñendo ata agora coma as que están por vir. 

Ata o momento foron os mestres os que nos foron guiando as actuacións: Houbo unha entrevista a Abraham Cupeiro que fai instrumentos impresionante con elementos da natureza, fixemos unha visita virtual ao Monte Viso onde conviven natureza, arte, tradición, lenda... e recreamos o noso propio Monte Viso. Traballamos a paisaxe da nosa contorna facendo unha reinterpretación da "Fervenza do Toxa" seguindo a Andy Warhol, decoramos o Nadal do cole con elementos naturais e moitas cousas máis. Agora toca facelo dun xeito máis serio: INVESTIGANDO

O proxecto que nós chamamos "Naturarte" xa existía. Baixo o nome de "Land Art" ou tamén "Arte da Terra". Con este nome faise referencia a unha corrente de arte contemporáneo na que a paisaxe e a obra están moi relacionados. Emprega á Natureza coma material: madeira, follas, pedras, rochas,... para facer as creacións finais.

No cole este Proxecto pode abordarse dende distintos puntos de vista: Con experimentos científicos; escultura (investigación de artistas, creación de bichos con follas e paus, intervencións na natureza,...); investigación de artistas "Land Art";  investigación das cores ( a súa orixe, o círculo cromático...); estampación con elementos da natureza, tinturas naturais (café, remolacha, cúrcuma...), a fotografía do que nos rodea (nubes, flores, pedras,...)

Todas estas actividades e máis agardamos vaian desenvolvéndos nas aulas e aparezan no mes de maio coma froito do voso traballo a través de exposicións, murais, podcast, vídeos, esculturas,...

Para animarvos deixamos aquí un vídeo dun proxecto que fai o escultor Camilo Seira en Rois, preto de Santiago. É un proxecto de Land Art. Invita a máis de 30 artistas que teñen que facer arte cos materiais que teñen arredor. Dende bosta de vacas, palla e mesmo restos de madeira. Con esta actividade queren darlle un valor estético, mirar a riqueza do que temos a man. Pensade que os nosos antepasados facían todo o que necesitaban con materiais que tiñan ao alcance... Para inspiraros déixovos un dos vídeos que colgou un dos artistas asistentes a este evento. Chámase Alfonso Blanco e é escultor. É fantástico o resultado da súa obra. Non deixedes de ollalo....

Agardo os vosos traballos!!

0 comentarios: