Ola, amiguiños e amiguiñas!!
O pasado venres celebramos o Samaín no cole e pasámolo de medo! Foi unha mañá chea de sorpresas, risas e algunha que outra arrepiante decoración.
Ao longo da semana, fomos decorando a entrada do cole: pequenos monstros, casas de medo e moitísimos adornos que transformaron os nosos corredores. Pero o que máis nos chamou a atención foi o corredor de 6º, que parecía un auténtico túnel do terror! Todo ás escuras, cheo de teas de araña e con aquelas casiñas iluminadas que lle daban un aspecto… arrepiante!
Pero seguro que vos estades preguntando: como fixemos todos estes adornos? Pois aquí vos deixamos algunhas ideas para que vexades como os preparamos, xunto co vídeo co resultado final e o noso particular photocall diante da casa de medo. 📸
Os máis pequenos e pequenas do cole tamén tiveron unha actividade moi especial. Desde Consumo propuxéronnos o conto «A cabaciña quería disfrazarse», unha proposta divertida coa que aprendemos algo moi importante: como escoller os nosos disfraces para que, ademais de ser terroríficos, divertidos e orixinais, tamén sexan seguros.
Porque para gozar do Samaín o primeiro é pasalo ben… pero sempre con seguridade!
E non queremos rematar sen lembrar unha das actividades que máis nos gustou: a representación do conto «Corre, corre, cabaciña», a cargo do alumnado de 6º.
Fixérono xenial! A súa adaptación do conto enganchounos desde o primeiro momento e fixéronnos pasar un rato estupendo. Temos uns artistas no cole!
Queredes ver como foi todo? Pois non perdades detalle dos vídeos e das fotografías. Premede e… que comece o espectáculo!
Agardamos que o disfrutedes tanto coma nós! 🎃🕷️







.jpeg)








