martes, 26 de mayo de 2015

RAMÓN DE VALENZUELA

Está a rematar o curso. Un curso que comezamos como CEIP de Bandeira e rematamos como CEIP Ramón de Valenzuela.
Somos moitos os que gardamos o nome de CEIP de Bandeira no noso corazón. É o nome co que medramos nesta escola, o nome que berramos cando competimos... o nome da nosa escola e do noso pobo.
O cambio de nome costounos a uns máis ca outros.
Quen era Ramón de Valenzuela? Porqué era importante para nós? Porqué outro nome?
 En Febreiro cambiouse o nome da escolae decidimos investigar. Coñecer a Ramón de Valenzuela un pouco máis e así aceptar este cambio. Cada ciclo centrouse un pouquiño nel para contarlle aos compañeiros algo desta fantástica persoa.
O día da Romaría o presentamos e aquí podedes ver en poucas palabra o que para nós foi, é e será RAMÓN DE VALENZUELA.









lunes, 25 de mayo de 2015

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

A nosa semana das LETRAS GALEGAS comezou coa exposición dos carteis de Filgueira Valverde e o achegamento á figura deste escritor.


Continuamos coa Romaría (Click enriba e podedes acceder ao video). Unha festa fermosa que xa acada a súa quinta edición. O patio da escola volta a revivir as festas de pobo da nosa Galiza. A Dozaría, a Churraría ou a Taberna, os gaiteiros, os xogos populares e as carrilanas; os postos de maquillaxe, pintura, algodón de azucre ou de elaboración de marcapáxinas... En fin actividades divertidas para un día inesquecible. Tivemos unha xornada lúdica onde nos achegamos a figura de Ramón de Valenzuela para coñecelo un pouco máis. Dende febreiro o noso centro era xa CEIP Ramón de Valenzuela pero o quince de maio fixemos o acto público de inauguración do centro como CEIP Ramón de Valenzuela.




lunes, 18 de mayo de 2015

LIBROS NA RÚA

Ola amiguiños e amiguiñas!!
Hoxe na escola tivemos un día especial para moitos libros da biblioteca!!! Sabedes eses libros para os que xa non miramos porque os novos os deixan atrás? Aqueles libros fermosos que ocuparon os andeis máis importantes da biblioteca, que pasaron polas mans de tantos nenos e nenas como vós, cos que pasamos ratos fantásticos...? Eses libros que pouco a pouco imos esquecendo e ao pasar dos anos deixan a biblioteca para ir a un almacén de libros vellos... Eses libros saíron hoxe da escola, para voltar a ter vida.
O Concello de Silleda invitounos a unha feira de "LIBROS NA RÚA", onde unímonos o instituto de Silleda e as escolas do Concello, para vender eses libros a cambio dunha moeda simbólica de euro.
A través desta fermosa actividade os libros enchéronse de vida e agora ocupan os mellores andeis, os das nosas casas. Os cartos recaudados foron para Silleda Solidaria e nós divertímonos debuxando, facendo marcapáxinas e escoitando ao contacontos. 
Grazas por este día no que os libros, que pensabamos esquecidos, cobraron vida e deron moita vida.
Un saúdo e xa sabedes... VÉMONOS NA BIBLIOTECA!!!


miércoles, 13 de mayo de 2015

Cocorico contado por Noelia

Ola amiguiños e amiguiñas!!
Hoxe, Noelia de 2º, trouxo aos seus compañeiros e compañeiras á biblioteca para contarlles o conto de Cocorico.
Queredes escoitalo?
Animádevos, como Noelia, a vir a contar o voso conto. Pedídelle a alguén que vos grave e pronto poderedes velo no Blog!!!
Un saúdo e xa sabedes... VÉMONOS NA BIBLIOTECA!!!

jueves, 30 de abril de 2015

LECTURAS COMPARTIDAS

Ola amiguiños e amiguiñas!!
Xa sabedes que me gusta moito ver como ledes.
Para min o Día do Libro é un día de FESTA!!!
A ilusión coa que buscades os contos para as lecturas compartidas; ver como todos os recunchos valen para a lectura e aprender que todas as compañías son boas para ler... fan grande este día
Trocamos ideas por agasallos. As cousas que ten que ter o noso conto ideal a cambio dun conto.
Para agradecer esas lámpadas que iluminan a nosa imaxinación e creatividade deixo este vídeo para que non esquenzades este día de lecturas compartidas.
Un saúdo e xa sabedes... VÉMONOS NA BIBLIOTECA!!!

viernes, 24 de abril de 2015

CONCURSO DE CONTOS DA ANPA


Este ano para celebrar o Día do Libro a ANPA propúxonos un concurso de contos. Cada neno e nena de xeito voluntario tiña que escribir un conto acorde a súa capacidade.
Foi unha actividade moi interesante e saíron contos moi fermosos. A ANPA agasallou a cada neno e nena cun diploma de participación neste primeiro concurso e cunha sorpresa. As gañadoras foron Sabela de 1º ciclo, Aroa de 2º ciclo e Mariña do 3º ciclo que levaron un fermoso lote de libros.
O xurado estivo composto polo director do centro, unha mestra xubilada e a concelleira de educación.
Ao longo da semana colgaremos un anaco do conto das gañadoras e un vídeo dos participantes. De momento aquí quedan as gañadoras.


Os contos quedarán na biblioteca para que todos e todas poidamos gozar deles e ver que coa imaxinación conseguimolo todo.
Un saúdo e xa sabedes... VÉMONOS NA BIBLIOTECA!!!

DÍA DO LIBRO

Ola amiguiños e amiguiñas!!!
Onte celebramos o Día do Libro na escola.
Xa pola mañá aparecía un mural preguntando que cousas tiña que ter un conto... 

Á hora de ler, pequenos e grandes aproveitando as instalacións do cole, a entrada e os pasillos, escollíades a un compañeiro ao que contarlle un conto. Un conto escollido por vós e preparado para lerlle con toda a ilusión do mundo. Todos mirando os contos e lendo os contos. Enchendo a escola de imaxinación, de letras, de debuxos, de vida e de ledicia a través da lectura.
Rematamos esta xornada cambiando unha idea por un libro. 
Que ten que ter un conto? Cada un de vós aportoulle ideas á biblioteca para saber o que máis vos gusta. As cousas que teñen que ter os contos que día a día levades en préstamo para as vosas casas.
Ideas curiosas, novedosas, tradicionais, orixinais,... encheron o mural que quedou así. Amanecía baldeiro e rematou cheo de ideas!!!... 
Agora toca empregar as vosas ideas para escribir os nosos contos!!!
Por que non?

Un saúdo e xa sabedes... VÉMONOS NA BIBLIOTECA!!!

miércoles, 8 de abril de 2015

Continuamos a nosa investigación

Ola amiguiños e amiguiñas!!
Xa remataron as vacacións e queda o último tramo do curso.
Hoxe, achégome a vós para lembrarvos a cantidade de libros de investigación que tedes na biblioteca. Libros moi interesantes e útiles para dar resposta ás miñas dúbidas de "Garabullo quere saber"





Lembrade vixiar as vosas froiteiras e se hai dúbidas de como coidalas, xa sabedes que a biblioteca é o lugar ideal para solucionalas...
Gustouvos o video da plantación na páxina de VOZ NATURA ?

Saúdos e xa sabedes... VÉMONOS NA BIBLIOTECA!!!

miércoles, 11 de marzo de 2015

SEMANA DA PRENSA

Xa chega a Semana da Prensa. As xanelas da escola ábrense ao bo tempo e as novas que veñen de fóra.

Os xornais enchen as nosas aulas, os novos xornalistas, de todas as idades,...



... buscan o súa exclusiva nas aulas, nos corredores ou nos patios, na prensa ou nos telediarios. Armados con lapis e papel recollen todo o que na escola ven e no mundo acontece para facer brotar as novas do CEIP Ramón de Valenzuela.


8 DE MARZO

Un ano máis dende a escola sumámonos á conmemoración do 8 DE MARZO: O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.
Por un lado achegámonos ao significado desta data a través da lectura. A importancia da muller na vida da familia, na casa, no traballo...
Por outro lado fixemos un mural entre todos os nenos e nenas da escola onde rendimos unha pequena homenaxe as nosas nais e a todo o traballo que fan. Coas nosas verbas e cos nosos debuxos recoñecemos a importancia da nosa nai e do seu  traballo, rematando a frase "A miña nai traballa...".