jueves, 28 de abril de 2022

CREACIÓNS DO DÍA DO LIBRO

Ola amiguiños e amiguiñas!! Como xa sabedes a  Semana do Libro estivo marcada pola elaboración de varias actividades nos diferentes cursos: vídeos, recitados, programas de radio, caligramas, composicións plásticas, e mesmo a edición dun libro propio! 

Hai que ver todo o que traballades!! E que ben o facedes!!

Empezachedes as semanas previas á visita de Xosé Luna e Charo Golmar,.... Un gusto ver como todos e todas estivestes traballando cos distintos poemarios propostos polas vosas titoras.

De Xosé Luna traballamos: Sol Rebulideiro en primeiro e segundo de primaria; Libro dos Bicos en terceiro e cuarto e Camiñando, Camiñando en quinto. Xa en sexto decantáronse por Nobelo de Luz, de Charo Golmar 

Como facer cando todo nos gusta tanto? Pois primeiro fixémolos nosos. Os distintos cursos escollemos poemas.... Poemas que foron brotando na árbore que preside a entrada do cole. Unha árbore que precisa de nós e nós dela. Durante a Semana do Libro agromaron follas enormes de carballo cheas dos poemas froito do voso traballo, semente do noso lema: “FORTES COMA CARBALLOS”.

Pero, pensando e pensando… por que non facer algo máis?

Os nenos e nenas de PRIMEIRO, con Sol Rebulideiro, practicaron a memoria e o recitado e gravaron varios vídeos no patio do cole. Moito traballaron estes pequenos, non si?


 

O alumnado de SEGUNDO utilizou a radio para darlle visibilidade ás composicións poéticas que eles traballaron.

As nenas e nenos de TERCEIRO  encarcáronse de coller o Libro dos Bicos e reescribilo todiño, utilizando símbolos para representar as palabras e así conseguiron facer a súa propia versión.

O alumnado de CUARTO, xa polo Día da Poesía, o 21 de marzo, acudiron tamén á radio para deixar a súa pegada. Ademais, crearon un fermoso caligrama do poema Bicos de Flores.

Os nenos e nenas de QUINTO, escolleron dous poemas de Camiñando, camiñando: Camiño ao corazón e Camiños de amor, e recitáronos en distintas partes do cole.

Finalmente, o alumnado de SEXTO, aproveitando a lectura de Nobelo de Luz, quixo darlle visibilidade ao Día Mundial do Autismo, o 2 de abril. Escolleron dous poemas do libro de Charo Golmar e, mediante un recitado, ilustraron os poemas con imaxes, porque cando as palabras non son capaces de expresar o sentir, debemos observar moi ben os xestos, a mirada, axudarlles ás persoas con TEA a comprender o seu entorno, a organizar mellor o mundo no que viven e darlles orde e estrutura, e non caos.


De todos xeitos, como no cole nos gusta moito traballar, decidimos converternos todas e todos en AUTORAS E AUTORES. Si, si, así como o ledes. Escribimos unha BIOGRAFÍA e publicámola no cole. E non unha biografía calquera, a biografía da gran poeta ROSALÍA DE CASTRO. Entre todos fixemos un percorrido pola súa vida e plasmámolo en papel, para que, se algunha vez precisamos saber onde naceu, que libros publicou e a que lugares viaxou, só temos que ir á biblio e alí estará á nosa disposición (Picade na imaxe para ver o libro resultado do voso traballo).



0 comentarios: