Mostrando entradas con la etiqueta Radio Garabullo 2025-2026. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Radio Garabullo 2025-2026. Mostrar todas las entradas

lunes, 22 de junio de 2026

PARABENS

Ola amiguiños e amiguiñas!! O pasado xoves 18 tivemos un programa especial de "Parabéns", dúas nais axudantes do comedor, Begoña e Sabela, quixeron celebrar dun xeito moi especial os aniversarios do alumnado nado nos meses de abril, maio e xuño. Pero esta edición foi moito máis que unha felicitación.

Aproveitando a ocasión, dedicaron unhas agarimosas palabras de despedida ao alumnado de 6º de Primaria, que remata a súa etapa no centro e inicia unha nova aventura. Ademais, este programa tamén serviu para que elas mesmas se despedisen da comunidade educativa despois de varios anos compartindo o día a día do comedor escolar, creando vínculos, vivindo innumerables experiencias e contribuíndo, coa súa colaboración e dedicación, a facer do comedor un espazo máis acolledor e familiar.

Un programa cargado de emoción, bos desexos e recordos que quedará gardado na memoria de todos e todas.




miércoles, 20 de mayo de 2026

5º de Primaria, premio á reflexión e á igualdade!

 Ola amiguiños e amiguiñas! Queremos felicitar con moito orgullo ao alumnado de 5º de Primaria por resultar gañador do concurso da Deputación de Pontevedra “E ti, que pensas da igualdade?”, unha iniciativa que promove a reflexión, a creatividade e o pensamento crítico arredor dun tema fundamental: a igualdade real entre mulleres e homes.

Este certame, enmarcado nas accións do 8M, busca dar voz á infancia e á mocidade para que expresen a súa visión sobre a sociedade actual e propoñan ideas para avanzar cara a un futuro máis xusto e igualitario. E o noso alumnado non só participou… ¡senón que destacou co seu gran traballo!

O proxecto desenvolvido foi moito máis alá: partindo da reflexión na aula, o alumnado afondou nos retos actuais da igualdade a través de diferentes actividades. Entre elas, cómpre destacar o compromiso e a valentía de dúas alumnas que se desprazaron para entrevistar á científica Marisol Soengas, referente internacional na investigación, achegando así unha visión inspiradora sobre o papel da muller na ciencia.

Como peche, o traballo completouse coa creación dun podcast e outras producións co gallo do 11 de febreiro (Día da Muller e a Nena na Ciencia) e do 8 de marzo, integrando aprendizaxes, reflexións e propostas propias.

Parabéns, equipo! 💜👏


viernes, 15 de mayo de 2026

Coñecendo a Begoña Caamaño con 6º

 Ola amiguiños e amiguiñas!! O pasado xoves para celebrar as Letras Galegas e homenaxear á figura de Begoña Caamaño  o alumnado de 6º de Primaria puxo en marcha a súa creatividade para realizar un programa de radio moi especial: unha entrevista imaxinaria a Begoña Caamaño.

As nosas reporteiras nvestigaron sobre a súa vida e obra, prepararon preguntas e déronlle voz a esta autora tan importante das Letras Galegas.

Aproveitaron, tamén,  para ler pequenos tips informativos e descubrir aspectos clave da traxectoria e da importancia de Begoña Caamaño na literatura galega, a través da cartelería enviada pola Xunta, 



domingo, 10 de mayo de 2026

Ola amiguiños e amiguiñas! Como xa sabedes os nenos e nenas de 4º participaron na II Edición dos Premios José Hermida de Radio Pontevedra, chegando á final cun podcast baseado no conto “A mellor sopa do mundo”, no que se destacou a importancia dunha alimentación saudable e de proximidade.

Aínda que non acadamos o premio principal, recibimos unha mención especial por parte de Vegalsa, unha empresa das que patrocinaban o certame, que quixo recoñecer o noso traballo cun pequeno agasallo para o alumnado.

Ademais, tivemos a sorte de contar coa visita de Paula, alcaldesa de Silleda, e de Ángela, concelleira de Educación, que quixeron compartir con nós este recoñecemento.

Dende o centro queremos agradecer este xesto e felicitar ao noso alumnado pola súa implicación, creatividade e esforzo.

Aquí deixamos un resumo dunha xornada inesquecible e emocionante.

viernes, 8 de mayo de 2026

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe o alumnado de 4º vai a estar na II Gala dos Premios José Hermida, xunto con outros 20 centros, fson finalistas dos Premios Joseé Hermida do Grupo Radio Pontevedra. Alí coñeceremos os gañadores desta 2ª Edición.

Animámosvos a seguir en directo a gala nesta ligazón 

https://www.youtube.com/@RadioPontevedraSER , nas emisoras 1116 OM, 92.7FM, na APP da Cadena Ser, y en la web de Radio Pontevedra. ás 10:45 e de seguido, escoitedes o programa especial cos gañadores, Hoy por Hoy Pontevedra-Arosa I Premios José Hermida ás 12:25 ben a través da aplicación ou das emisoras convencionais: Radio Pontevedra no 98.7 FM, Radio Arosa 95.6 FM ou Radio Pontevedra Deza-Tabeiros 92.2 FM.


Moita sorte a todos e todas!!!



martes, 5 de mayo de 2026

🎙️ Soa a emoción… soa a familia

Ola amiguiños e amiguiñas!! Benvidos a Radio Garabullo... Hoxe, na nosa radio… hai algo especial ✨

Hai voces que emocionan.
Hai palabras que acompañan.
Hai familias que están… sempre.

O noso alumnado é finalista da II edición dos Premios José Hermida de Radio Escolar, organizados por Radio Pontevedra do grupo Cadena SER.

Entre 107 centros e 117 podcasts, o seu traballo foi elixido como un dos 20 mellores.
E iso… xa é un gran premio... NORABOA!!

Pero hoxe non falamos só de logros.
Hoxe falamos de emocións.

Porque as nais e pais quixeron achegarse á nosa emisora…
coller un micrófono…
e dicir algo moi importante:

“Estamos orgullosos de vós” 

Un podcast cheo de agarimo, ánimo e ilusión para a gran final.

Porque detrás de cada neno e nena… Hai unha familia que apoia, que anima e que cre.

E iso… tamén conta. E moito.

👏 Parabéns, finalistas
🍀 Moita sorte na final

Agora si… escoitamos 

miércoles, 22 de abril de 2026

PREMIOS JOSÉ HERMIDA II: A mellor sopa do mundo

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe, queremos felicitar ao alumnado de 4º de primaria, que quedou finalista nos Premios José Hermida II, organizados por Cadena SER Pontevedra.

Presentáronse cun podcast no que contaban o conto A mellor sopa do mundo, de Susanna Isern.

Ademais, eles mesmos crearon os efectos sonoros para darlle vida á historia, empregando obxectos da aula (técnica coñecida como foley).

Foi unha experiencia moi bonita na que traballaron a lectura, a expresión oral e o traballo en equipo.

Parabéns polo gran traballo! Agora toca agardar pola final que será o vindeiro 8 de maio.

Aproveitamos esta semana dedicada ao "Día do Libro" para emitir o conto. Escoitade!!

DÍA DA TERRA 2026

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe, 22 de abril, celebramos o  Día da Terra. O alumnado de 2º ciclo de primaria quixo celebraresta data dunha maneira moi especial: creando o seu propio programa de radio.

A través deste podcast, comparten ideas, reflexións e compromisos para coidar o planeta, explicando con palabras sinxelas por que é tan importante protexer a nosa Terra.

Partindo do lema deste ano, “O noso poder, o noso planeta”, lembran que todas as persoas, tamén os nenos e nenas, poden facer pequenas accións que axudan a conseguir un mundo mellor.





Non esquezamos o traballo que xa se está a desenvolver no centro: a recuperación do Coto da Gaiteira ou a creación de murais informativos que temos na entrada do centro por parte do alumnado de 2º ciclo ou o traballo do alumnado de 5º para mellorar o reciclaxe e a recollida do lixo dos patios.

Queredes escoitalo?


E para non esquecer traballos feitos no cole deixamos este vídeo feito hai anos sobre os "Plásticos"

jueves, 9 de abril de 2026

Parabéns 9-03-2026

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe, dende a emisora de Radio Garabullo, volvemos a emitir para o comedor do cole. Da man de Martina, Mauro, Xoán e Guille de 5º continuamos cun 2º podcast de "Parabéns á hora de comer e as novas do tempo de lecer". Aproveitamos para felicitar o aniversario a todo o alumnado, persoal do centro e familias colaboradoras do comedor nados nos meses de decembro, xaneiro, febreiro e marzo. Queredes escoitalos?

martes, 7 de abril de 2026

REPORTEIROS SD BANDEIRA

 Ola amiguiños e amiguiñas!!

Xoán, Vega, Hugo Fuentes e Hugo Otero decidiron converterse en reporteiros e reporteiras deportivas para contar o que pasa nalgún dos seus partidos.

Neste podcast comparten as xogadas, os momentos máis importantes e como se sentiron xogando en equipo.

Dádelle ao play e escoitade o seu traballo! 


Non é seu primeiro programa. O primeiro foi emitido para o comedor do cole e aquí o deixamos publicado.

viernes, 13 de marzo de 2026

VISITA DE GÚMER PORTAS

Ola amiuguiños e amiguiñas! O mércores 11 de marzo, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria tivo a sorte de participar nunha charla moi especial con Gúmer Portas, locutor de Radio Lalín e director do programa Entre Nós.

Ao longo do encontro, Gúmer explicoulles como funciona a radio por dentro, como se preparan os programas e a importancia deste medio como fonte de información. O alumnado puido coñecer de primeira man como é o traballo dun locutor e resolver as súas dúbidas.

Esta actividade serviunos para achegar a radio ás nenas e nenos, entendéndoa como un medio de comunicación próximo, dinámico e moi útil para informarse e expresarse.

Moitas grazas Gúmer pola túa visita!!


miércoles, 4 de marzo de 2026

O alumnado de 6º convértese en xornalista por un día

 Ola, amiguiños e amiguiñas!

Aproveitando a celebración do Día da Radio e do Entroido, os nenos e nenas de 6º decidiron preparar un podcast especial... Xa que entrevistaron a sete compañeiros e compañeiras —Antía, Carla, Uxía, Daniela, Mariña, Martín e Andrés— que participaron no Alto dos Xenerais Infantil de Bandeira, unha experiencia chea de tradición, emoción e orgullo.

Ao longo da entrevista coñeceremos como viviron ese día e que sentiron ao formar parte desta tradición singular e senlleira declarada Festa de Interese Turístico.

Parabéns polo gran traballo realizado! 

viernes, 27 de febrero de 2026

A radio deportiva de 5º pon voz á última xornada da liga

Ola, amiguiños e amiguiñas!

Vega, Hugo Otero e Xoán coa colaboración de Hugo Fuentes de 5º convértense en auténticos reporteiros deportivos no seu novo podcast, no que analizan a última xornada da liga de fútbol con gran profesionalidade e entusiasmo.

Ao longo do programa ofreceron os resultados dos partidos disputados, fixeron un repaso do ranking actualizado da competición e comentaron algún momento destacados do partido entre Lalín e o SD Bandeira con Hugo Fuentes. onde puideron coñecer de primeira man as sensacións vividas no encontro.

Un podcast informativo, emocionante e cheo de paixón polo deporte que demostra, unha vez máis, o talento comunicativo do noso alumnado. Un podcast feito por eles sos, sen ningúen na emisora, recreando o que, para eles, é unha boa reportaxe dunha xornada de fútbol. Parabéns, reporteiros e reporteiras! 

martes, 17 de febrero de 2026

DÍA MUNDIAL DA RADIO: Recomendacións lectoras de 2º

Ola, amiguiños e amiguiñas! O alumnado de 2º de Primaria tamén se sumou á celebración do "Día da Radio", achegándonos recomendacións lectoras. Buscaron na biblioteca os seus libros preferidos e achegáronse á nosa emisora paran gravar este pequeno podcast. Escoitámolo?

DÍA MUNDIAL DA RADIO: A que xogamos en 1º!!

Ola, amiguiños e amiguiñas!! Esta semana estamos a celebrar o "Día Mundial da Radio" e os nenos e nenas de 1º de Primaria querían pasar por Radio Garabullo para contarvos algo. Pensando e pensando, acordaron que como no Entroido hai moito tempo de lecer, poderían falar dos xogos cos que mellor o pasan... e aquí tedes o resultado.

viernes, 13 de febrero de 2026

DÍA MUNDIAL DA RADIO

Ola amiguiños e amiguiñas!! Como cada ano celebramos o "Día Mundial da Radio".  Entre o 11 e o 20 de febreiro iremos colgando pequenos podcast feitos nas distintas aulas, onde cada un foi o protagonista da súa propia edición. 

Sen embargo, hoxe toca falar de 5º de primaria, que fixo un podcast sobre Intelixencia Artificial para colaborar con Ponte...nas ondas! (PNO). Ao longo de 30 anos Ponte...nas ondas! creu no emprego da Radio Escolar como medio de comunicación interescolar, como recurso educativo para a transmisión do patrimonio cultural. E iso foi o que os fixo merecentes de estar hoxe como un modelo de boas prácticas para a UNESCO:(https://youtu.be/Zp73bEhRl7I). 

Nós, da man do alumnado de 5º de primaria, e coma pequena emisora escolar, tamén quixemos unirnos a outros centros con Ponte...nas ondas! e participar na elaboración dun pequeno podcast sobre Intelixencia Artificial. Queredes escoitarnos? Pinchade na imaxe!!






miércoles, 11 de febrero de 2026

DÍA MUNDIAL DA RADIO: O tempo

 Ola, amiguiños e amiguiñas!

Chega a semana da celebración do "Día Mundial da Radio", acompañada de choivas e alertas. E cando o tempo non acompaña  e non podemos saír ás rúas disfrazados... que facermos? O alumnado de 4º danos unhas recomendacións.

martes, 10 de febrero de 2026

A Intelixencia Artificial dende o patio do cole

Ola amiguiños e amiguiñas!! O vindeiro 13 de febreiro celébrase o "Día Mundial da Radio".
A UNESCO proclamou o 13 de febreiro como o Día Mundial da Radio. Desde 1995, a Asociación Cultural e Educativa PONTE…NAS ONDAS! promove a radio escolar como un recurso educativo que contribúe a mellorar as habilidades comunicativas do alumnado. E convidounos a presentar programas, podcast ou videopodcast para esta ocasión.
Entre as suxestións remitíannos a un tema proposto pola UNESCO a "Radio e a intelixencia artificial".
O alumnado de 5º recolleu o reto e fixo un podcast empregando a IA , que trataba da IA e este foi o resultado.


DÍA MUNDIAL DA RADIO: O Entroido

Ola, amiguiños e amiguiñas! Que sabemos do Entroido? O alumnado de 3º decidiu aprender máis cousas o Entroido e aproveitar a nosa emisora para dar a coñecer todo o que sabe desta festa tradicional. Queredes escoitalo?

viernes, 23 de enero de 2026

MOITA SORTE ANTONELLA

Ola amiguiños e amiguiñas!! O alumnado de 5º achegouse a emisora de Radio Garabullo para  despedir a súa compeñeira Antonella e dedicarlle unha canción. 

Dende hoxe Antonella inicia unha nova etapa lonxe da nosa escola  Non é doado dicir adeus, pero facémolo con orgullo e agradecemento polo camiño compartido, polos momentos vividos e pola pegada que deixas entre nós.

Antonella en nome da túa aula de 5º e de todo o cole queremos desexarte moita sorte nesta nova aventura, convencidos de que saberás adaptarte, aprender e seguir medrando coa mesma ilusión e fortaleza que amosaches aquí.

Esta escola será sempre parte da túa historia, e ti formarás parte da nós.

Deixamos aquí este pequeno agarimo dos teus compañeiros. ATA PRONTO!!!