miércoles, 20 de mayo de 2026

5º de Primaria, premio á reflexión e á igualdade!

 Ola amiguiños e amiguiñas! Queremos felicitar con moito orgullo ao alumnado de 5º de Primaria por resultar gañador do concurso da Deputación de Pontevedra “E ti, que pensas da igualdade?”, unha iniciativa que promove a reflexión, a creatividade e o pensamento crítico arredor dun tema fundamental: a igualdade real entre mulleres e homes.

Este certame, enmarcado nas accións do 8M, busca dar voz á infancia e á mocidade para que expresen a súa visión sobre a sociedade actual e propoñan ideas para avanzar cara a un futuro máis xusto e igualitario. E o noso alumnado non só participou… ¡senón que destacou co seu gran traballo!

O proxecto desenvolvido foi moito máis alá: partindo da reflexión na aula, o alumnado afondou nos retos actuais da igualdade a través de diferentes actividades. Entre elas, cómpre destacar o compromiso e a valentía de dúas alumnas que se desprazaron para entrevistar á científica Marisol Soengas, referente internacional na investigación, achegando así unha visión inspiradora sobre o papel da muller na ciencia.

Como peche, o traballo completouse coa creación dun podcast e outras producións co gallo do 11 de febreiro (Día da Muller e a Nena na Ciencia) e do 8 de marzo, integrando aprendizaxes, reflexións e propostas propias.

Parabéns, equipo! 💜👏


0 comentarios: