domingo, 25 de marzo de 2018

REPSOL

O 23 de marzo os nenos e nenas achegámonos a Silleda á feira da enerxía. Grazas a Repsol entramos en contacto coas distintas formas de enerxía a través de distintos xogos. Foi unha experiencia moi divertida coa que pechamos un trimestre e co que abrimos a porta a última proposta do curso: Traballar cos experimentos!!
Animádesvos? 





martes, 20 de marzo de 2018

IDEAS PARA TRABALLAR POESÍA

O día 21 de marzo é o Día mundial da POESÍA.
A poesía permítenos xogar coas rimas, crear ritmos, poñerlles música, darlle vida ás palabras.
Nas aulas a poesía chega a través dos trabalinguas, dos contos rimados, dos xogos ou das sortes,..
Para que todos e todas poidamos coñecer máis a poesía non so nesta época do ano senón ao longo de todo o curso, deixamos unhas ideas para traballar coa poesía e os nomes dalgúns libriños ideais cos que podedes pasar un bo rato.


lunes, 19 de marzo de 2018

4º contacontos en infantil

Xa empezamos coas actividades de contacontos. Nesta ocasión foron os compañeiros e compañeiras de 4º que escolleron infantil para contarlles un conto e pasar un rato moi divertido.
A clase de 4º fixo tres grupos de lectores e cada un foi a unha aula.
Os contos escollidos foron:

Aos nenos e nenas de 5º de infantil (4 anos) léronlle:
O Monstro de Cores de Anna Llenas da editorial Flamboyant. O Monstro de Cores non sabe o que lle pasa. Está feito un lío coas emocións e agora ten que desfacer o embrollo. 



Os nenos de 4º de infantil (3 anos) leron e xogaron con:
Os tres porquiños un conto moi divertido da editora Lupa del cuento da colección de Abrecontos. Escrito por Valentina Deiana e ilustrado por Katya Longhi. Un conto con fermosas ilustracións, con pestana e páxinas escondidas que recrean a adaptación deste conto de "Os tres porquiños"



Xa os nenos de 6º de infantil (5 anos) escoitaron o conto:
UN MÁIS da editora Kalandraka. Está escrito por Olalla González e ilustrado por Marc Taeger. Ao ver coma a súa mamá está gordecha o coelliño percorre o bosque dando a boa nova: A familia medra!, pero como será todo cun novo irmán?



Visita de Eva a nai de Ramón

A pasada semana os nenos e nenas de infantil tiveron a sorte de ter a Eva a nai de Ramón de 4 anos. Veu a contarlles un conto moi divertido: A cousa que máis doe do mundo. de Paco Liván e Roger Olmos. Publicado pola editorial OQO.
Nesta historia unha lebre e unha hiena falan e descubren a cousa que máis doe do mundo.
Unha historia moi divertida coa que os nenos e nenas de infantil o pasaron xenial











OQO ten o conto na rede, así que para todos aqueles que queirades voltar a velo xa sabedes vinde pola biblioteca ou pinchade no vídeo.
E xa sabedes... VÉMONOS NA BIBLIOTECA!!!

domingo, 18 de marzo de 2018

LEONARDO E OS FONTANEIROS

O pasado 16 de marzo o alumnado de entre 5º e 2º da ESO dos centros do Concello de Silleda fomos invitados para ver unha representación da obra "Leonardo e os fontaneiros" de María Victoria Moreno. Agasalláronnos cun libro para cada un dos participantes. Así puidemos achegarnos, un pouco máis,a esta escritora cacereña de literatura infantil e xuvenil en lingua galega a quen se lle dedican este ano as letras galegas.
Encantounos a obra e dende aquí agradecemos ao concello a súa invitación e o libro que nos regalaron.



jueves, 15 de marzo de 2018

SEMANA DA PRENSA

Un ano máis celebramos a Semana da Prensa. Os xornais visitaron as nosas aulas e fixemos a nosa propia interpretación das novas. Ademáis o alumnado de 5º e 6º fixeron unha entrevista a Pablo, un xornalista en activo da "Voz de Galicia", veciño de Merza e co que aprenderon moitas cousas do seu traballo. Pablo sorprendeunos traendo consigo a Miguel, fotógrafo do mesmo xornal, quen tamén contou moitas anécdotas. 
Pablo rematou a súa entrevista dando unha exclusiva: "Que pronto se ía a xubilar".
Foi unha tarde na que os rapaces sentíronse xornalistas por un día.


lunes, 5 de marzo de 2018

KALANDRAKA

Ola amiguiños e amiguiñas!!!
O pasado mércores 21 de febreiro tivemos a visita duns fantásticos contacontos de Kalandraka que fixeron que os nenos e nenas de infantil, 1º e 2º pasaran un mañán moi divertida.


VISITA DE TOÑO BREY

O xoves 8 de febreiro tivemos a visita dun dos mellores "Xenerais" de Bandeira: Toño Brey, o pai de Carme e Martín. 
Toño foi amosándonos esta parte do entroido que enlaza coa tradición. As arengas e o "Alto" cos seus atranques.
Comezou a  participar no Entroido e no "Alto dos Xenerais" de moi novo. Cando contaba uns 15 ou 16 anos. Primeiro ía no coro e despois pouco a pouco foi participando no Alto, como centinela nuns casos, correo noutros e finalmente coma Xeneral.
Contounos que antigamente as arengas facíanse en castelán e eran improvisadas (nunca sabías o que che podían dicir), pero que aínda así tiñan preparados pequenas estrofas para sair do paso ante rivais moi duros, como Manolo Servando, Tato (que tiña un castelán moi chulo)  Sueiro ou Gómez entre outros.
Entre as curiosidades contounos que o Alto está relacionada coas Guerras cos franceses; soupemos que os traxes (que pretendían imitar aos dos militares), primeiro os facía unha muller de Vedra e despois se lle encargaban a un xastre; na actualidade hai unha comisión encargada do Alto que coida os traxes, busca aos participantes e organiza todo o festival. Contounos tamén que os cartos veñen dos "Vivas" e tamén das axudas do Concello. E non quiso rematar a charla sen facer referencia ao noso alto infantil. Dixo que lle gustaba o que facíamos aínda que nos animaba a improvisar as nosas arengas e a facelas nós mesmos
Foi unha xornada moi interesante que rematou con Toño e  Carme lanzando uns Vivas moi divertidos.

Moitas grazas Toño por unha tarde tan divertida.


viernes, 2 de marzo de 2018

DÍA DA MULLER

Achégase o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller. É unha data que nos lembra a importancia de loitar pola igualdade entre mulleres e homes. Un data simbólica que debe estar presente nas nosas vidas ao longo de todo o ano. A través da lectura podemos formar o noso pensamento e o noso espíritu crítico. Ollade na entrade do cole os libros que propoñemos.