viernes, 23 de diciembre de 2022

PROXECTO NATURARTE

Ola amiguiños e amiguiñas!! Chegou o momento de poñer a andar o Proxecto máis directamente na aula.

Naturarte é o que está a rodear todas as actividades que estamos a facer no cole este ano. Tanto as que fomos propoñendo ata agora coma as que están por vir. 

Ata o momento foron os mestres os que nos foron guiando as actuacións: Houbo unha entrevista a Abraham Cupeiro que fai instrumentos impresionante con elementos da natureza, fixemos unha visita virtual ao Monte Viso onde conviven natureza, arte, tradición, lenda... e recreamos o noso propio Monte Viso. Traballamos a paisaxe da nosa contorna facendo unha reinterpretación da "Fervenza do Toxa" seguindo a Andy Warhol, decoramos o Nadal do cole con elementos naturais e moitas cousas máis. Agora toca facelo dun xeito máis serio: INVESTIGANDO

O proxecto que nós chamamos "Naturarte" xa existía. Baixo o nome de "Land Art" ou tamén "Arte da Terra". Con este nome faise referencia a unha corrente de arte contemporáneo na que a paisaxe e a obra están moi relacionados. Emprega á Natureza coma material: madeira, follas, pedras, rochas,... para facer as creacións finais.

No cole este Proxecto pode abordarse dende distintos puntos de vista: Con experimentos científicos; escultura (investigación de artistas, creación de bichos con follas e paus, intervencións na natureza,...); investigación de artistas "Land Art";  investigación das cores ( a súa orixe, o círculo cromático...); estampación con elementos da natureza, tinturas naturais (café, remolacha, cúrcuma...), a fotografía do que nos rodea (nubes, flores, pedras,...)

Todas estas actividades e máis agardamos vaian desenvolvéndos nas aulas e aparezan no mes de maio coma froito do voso traballo a través de exposicións, murais, podcast, vídeos, esculturas,...

Para animarvos deixamos aquí un vídeo dun proxecto que fai o escultor Camilo Seira en Rois, preto de Santiago. É un proxecto de Land Art. Invita a máis de 30 artistas que teñen que facer arte cos materiais que teñen arredor. Dende bosta de vacas, palla e mesmo restos de madeira. Con esta actividade queren darlle un valor estético, mirar a riqueza do que temos a man. Pensade que os nosos antepasados facían todo o que necesitaban con materiais que tiñan ao alcance... Para inspiraros déixovos un dos vídeos que colgou un dos artistas asistentes a este evento. Chámase Alfonso Blanco e é escultor. É fantástico o resultado da súa obra. Non deixedes de ollalo....

Agardo os vosos traballos!!

jueves, 22 de diciembre de 2022

RECOMENDACIÓNS LECTURA NADAL 2022

 Ola amiguiños e amiguiñas!! Xa chega o Nadal e o tempo dos agasallos e... Que mellor agasallo que un conto? Hai taaantos que mercaríamos.... Uns fannos partícipes das súas aventuras, outros fannos pensar , outros están cheos de intriga, con outros aprendemos un montón.... Os contos son marabillosos porque fan que todos pasemos momentos inesquecibles.

Como hai tantos dende a biblioteca fixemos unha selección de contos para cada dun de vós. Pensando nos vosos gustos e nas vosas inquedanzas, pero non esquezades que hai moitos máis e todos valen para todos!

Felices lecturas!"" E lembrade... LEMOS PORQUE NOS PETA!!!!






VISITA DA BANDA DE MÚSICA INFANTIL DE BANDEIRA

 Ola amiguiños e amiguiñas!! O luns tivemos unha visita moi especial no cole. Os nenos e nenas que forman parte da Escola Infantil de música de Bandeira e algúns dos seus mestres viñeron a dar un pequeno concerto e a animarnos a formar parte dela. 

As nosas reporteiras de Radio Garabullo aproveitaron para facerlle unha entrevista a Cristina Collazo e a Pedro dous mestres de esta escola tan fantástica e divertida.



Xa sabedes sempre hai unha plaza libre para quen queira aprender a cantar e tocar!! Animádevos!!


martes, 20 de diciembre de 2022

LECTURAS INTERCENTROS

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe no cole vivimos unha actividade moi especial.

Varios coles unímonos na lectura. Á mesma hora conectámonos co CEIP Xesús Golmar e o CEIP Manuel Rivero de Lalín e o CEIP Vicente Arias de la Maza de Vilatuxe.

Nenos e nenas de distintas edades xuntámonos para escoitar un conto acorde a estas datas, proposto polos nenos e nenas de 5º do CEIP Xesús Golmar de Lalín: "Contos de Reis e de Nadal" de Miguel Vázquez Freire. Tres relatos curtos que deixaban ver a emoción do momento, os nervios provocados pola situación, e que abrían a porta a moitas sesións semellantes, que agardamos se repitan ao longo do curso, con outros protagonistas e con público máis amplo e variado.

Aquí podedes ver aos compañeiros de 1º do noso cole nun momento da lectura.


Ademais aproveitaremos o audio para sacar un "Código QR" e pegar nas contraportadas dos libros creando pequenos audiocontos para facilitar as lecturas e o entretemento a quen os colla en préstamo na biblioteca.

Código QR "A noite de Reis"


Código QR "A viaxe de Fátima"

Código QR "A mañá do monstro"

lunes, 19 de diciembre de 2022

CARTAS DE NADAL 2022

Ola amiguiños e amiguiñas!! O mércores pasado escribimos as nosas Cartas de Nadal. Pequenos axudados por maiores e maiores con pequenos fomos escribindo as nosas cartas agardando ver moitos agasallos nas noites máxicas de Nadal.

Foi unha mañá distintas onde todo o cole foise sumerxendo na arte de escribir, no divertimento e no compartir a redacción dunha carta chea de bos desexos, promesas e peticións de xoguetes, maxia e felicidade e... agardamos que tamén de de contos creativos, participativos, de investigación e de intriga como os que propón a Biblioteca tanto nas súas "Recomendacións lectoras de NADAL" coma nas novidades que van asomando día a día no andel da entrada do cole.


BO NADAL!! e moita sorte cos agasallos. Mirade que ilusión e esperanza posta nas noites máxicas de NADAL

viernes, 16 de diciembre de 2022

AS NOVAS DO CEIP RAMÓN DE VALENZUELA

Ola amiguiños e amiguiñas!! Patricia, Fabiana e Antía de 5º emitiron, unha vez máis, o seu programa mensual "As novas do CEIP Ramón de Valenzuela" para o comedor do cole, e  dende Radio Garabullo. Podedes voltar a escoitalas premendo neste enlace ou na nosa canle de Radio Garabullo en IVOOX.

 

miércoles, 7 de diciembre de 2022

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

 Ola amiguiños e amiguiñas!! Como ben sabedes o 3 de decembro celebramos o "Día Internacional das Persoas con Discapacidade". A celebración desta data ten coma obxectivo promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, incluída a escola, e buscan concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida.

Dende o Departamento de Orientación, Cristina, traballou con todos esta data tan importante.

Ademáis de compartir na aula distintas lecturas e axudar a crear unha árbore coas pegadas das nosas mans, todas as aulas pasaron pola biblioteca para participar nunha sesión moi interesante. A través da visualización dunha curta, o debate e as diferentes dinámicas propostas achegámonos á un tipo de discapacidade na que non pensamos habitualmente: a ceguera. Unha discapacidade que nos priva do sentido da vista. Por un intre parámonos a sentir e pensar coma os cegos e os límites que atopan na súa vida para integrarse na sociedade. Unha aprendizaxe que xa forma parte de nós!!

martes, 6 de diciembre de 2022

DEPORTES E MÁIS

Ola amiguiños e amiguiñas!! Estaredes pensando que é iso de "Deportes e máis". Pois é o nome dun novo programa que dende hoxe poderedes atopar en Radio Garabullo. Irene e Lorena de 6º, de cando en vez, achegaranse aos estudos de Radio Garabullo para facer pequenos podcast relacionados co mundo do deporte e a actividade física. A través da súa investigación e do seu xeito de ver os deportes, irán contándonos curiosidades de todo o que ten que ver con este mundo do movemento.

Para comezar decidiron dedicar o primeiro programa a lembrar a actividade de "Esgrima" que tivemos no cole durante o mes de setembro. Lembrades? 

lunes, 28 de noviembre de 2022

GRAZAS 4º

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe temos unha sorpresa moi grata. Os vosos compañeiros e compañeiras de 4º fixéronnos un agasallo: o conto de Pepuka e o monstro que se levou o seu sorriso de Estela Moreno Bermúdez.

Trátase do mesmo conto que interpretaron para todo o cole con motivo do "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller" . Un conto que é un referente moi importante para traballar este tema durante a infancia, e que, polo tanto, ten que estar en todas as bibliotecas escolares. Grazas a 4º xa está na nosa dende hoxe, agardando por todos vós.

Moitas grazas 4º pola vosa colaboración e o voso agasallo!!!



 

domingo, 27 de noviembre de 2022

"Pepuka e o monstro que lle roubou o sorriso" ALUMNADO DE 4º e o 25 de novembro

Ola amiguiños e amiguiñas!! O 25 de novembro celebramos o "Día internacional da Eliminación da Violencia contra a muller". Coa súa conmemoración queremos denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas en todos os países para rematar con isto.

Vilas, cidades, escolas... tínguense de morado para lembrar esta data e fanse actividades variadas, charlas informativas, concentracións,... dirixidas a terminar coa violencia de xénero.

Dende a nosa escola vivimos esta data nas aulas traballando cos compañeiros dun xeito máis específico. Tamén ao longo da semana fixemos lecturas con esta temática para debater na aula durante a "Hora de Ler". Coas nosas conclusións elaboramos lazos morados que medraron na nosa árbore do 25-N situada na entrada do cole.

Pero isto non foi todo. Os compañeiros e compañeiras de 4º quixeron achegarnos un pouco máis a importancia desta data a través da representación do conto "Pepuka e o monstro que lle levou o sorriso", para rematar reflexionando sobre a importancia desta data e as conclusión do seu traballo.

Estela Moreno é a autora deste conto que aborda a violencia de xénero para que, dende a infancia, aprendamos a traballar a importancia do bo trato e da autoestima.

Non deixedes de ver o conto, representativo do que o 25N significa.

lunes, 14 de noviembre de 2022

O SORRISO polo alumnado de 3º

Ola amiguiños e amiguiñas!! Os nenos e nenas de terceiro estiveron a facer unha tarefa moi bonita en Proxecto Competencial que compartiron con todos e todas nós.

Trátase dunha tarefa moi entretida e divertida: investigar sobre o "Sorriso" e conseguir co seu traballo alegrarnos o día a toda a comunidade educativa, dende a todos os nenos e nenas do cole ata ás cociñeiras.



A verdade que non saiu nada mal!! Todos o pasamos moi ben coas mensaxes tan fantásticas dos corredores, para coller e regalar. A información do mural do primeiro andar deixounos datos sobre o sorriso moi interesantes... Por isto e outros motivos non podemos esquecer o importante que é o sorriso e por iso:

SORRIDE MOITO!!😄😄😍😄😃

A MIN NON ME COMAS

Ola amiguiños e amiguiñas!! O Samaín trouxo moitas actividades e sorpresas, entre elas a interpretación do conto "A min non me comas" de Margarita del Mazo publicado en OQO Editora.

Na nosa "Aula do medo" da biblioteca o alumnado de 6º fixo dous pases para que todo o alumnado do cole puidese gozar dun conto, que aínda que non daba moito medo, traballaba unha temática moi acorde coa época do ano. Un conto que conseguiu que nenos e maiores pasáramos un ratiño moi divertido. Non volo perdades!!

domingo, 13 de noviembre de 2022

AS REPORTEIRAS DE RADIO GARABULLO con Abraham Cupeiro

Ola amiguiños e amiguiñas!! O pasado 16 de outubro Abraham Cupeiro estivo en Bandeira co seu espectáculo "Panxea".

Abraham Cupeiro caracterízase pola recuperación de instrumentos perdidos no tempo e utilizalos para crear novas sonoridades e incluso empregalos na interpretación de músicas alleas a eles.

As nosas reporteiras de Radio Garabullo Uxía, Xulia e Irene participaron no concerto xunto coa Banda de Bandeira e a Unión Musical de Ponteledesma; e aproveitaron a ocasión para sacar a súa gravadora e facerlle unha pequena entrevista. Queredes escoitala?

lunes, 7 de noviembre de 2022

AS NOVAS DO CEIP RAMÓN DE VALENZUEL

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe Radio Garabullo comezou a súa emisión con tres novas locutoras: Patricia, Antía e Fabiana de 5º. Estas tres rapazas farán de reporteiras e irán tomando nota de todo o que acontece no centro ao longo de cada mes para crear un pequeno "podcast" de todo o que pasa no centro e que será emitido en directo para o comedor.  A primeira emisión de hoxe estivo adicada ao mes de outubro. Queredes escoitala?

MONTE VISO e SAMAÍN

Ola amiguiños e amiguiñas!! Aquí temos o resultado dun traballo de invetigación feito por todos os nenos e nenas do cole: O Monte Viso e os Seres Fabulosos que nel residen.
Durante o mes do Samaín nas aulas coñecemos a existencia do Monte Viso. Un monte que hai preto de Santiago. Nel podemos atopar unha senda duns seis quilómetro que acolle unha serie de personaxes, a tamaño real, pertencentes á mitoloxía galaica. As lendas que rodean a estes seres míticos espertaron a nosa curiosidade e investigamos a aqueles que máis nos gustaron, para recrear a nosa propia versión do Monte na nosa biblioteca. Un entorno fermoso, máxico e de certa tensión mesturada con medo e curiosidade para gozar dun Samaín máis noso que nunca.




domingo, 6 de noviembre de 2022

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES II

Ola amiguiños e amiguiñas!! Atrás queda o "Día das Bibliotecas Escolares". Vivimos un día intenso na biblioteca e moi divertido. Grazas as vosas pesquisas e traballo puidemos colocar cada libro no seu andel, descubrir o lema das Bibliotecas Escolares deste ano, lembrar como se chama o Proxecto proposto pola nosa biblioteca para investigar e dar a coñecer a todo o cole. Ollamos un vídeo informativo feito polos axudantes de biblioteca e pasamos un día moi feliz e e entretido. Umha mostra as vosas cariñas, a atención e a participación en todas as actividades propostas. Como recompensa un agasallo e agora este vídeo coas fotos de todos os que o 24 pasachedes pola Biblioteca José López Casal. A biblioteca do CEIP Ramón de Valenzuela.


martes, 25 de octubre de 2022

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Ola amiguiños e amiguiñas!! Xa chegou o día tan ansiado para esta biblioteca. O "Día das Bibliotecas Escolares". Foi un día de sorpresas, xogos, divertimento e moita aprendizaxe.
Cada aula tivo a súa "pequena" formación e achegamento a nosa biblioteca.
Xogamos, resolvemos enigmas, fixemos buscas, colocamos libros, e vimos un vídeo... para chegar á sorpresa final.
Temos que darlle as grazas aos axudantes da biblioteca, os compañeiros e compañeiras de 6º, pola súa colaboración na creación do vídeo . Buscaron o xeito máis ameno e divertido de facernos lembrar  as normas da biblioteca e de recoñecer os distintos espazos que nela atopamos.
Pouco a pouco poderedes ver todas as cousas que hoxe vivimos. De momento deixamos o vídeo. Gustouvos?

lunes, 24 de octubre de 2022

DÍA DA PAISAXE

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe celebramos o "Día da Paisaxe". Pero... Que é a PAISAXE?

A paisaxe é todo o que nos rodea. É o lugar onde se desenvolven todas as actividades que realizamos no noso día a día. As paisaxes poden ser bonitas pero tamén poden estar descuidadas e feas. Nós hoxe comprometémonos a coidar da nosa contorna, da nosa paisaxe e para elo unímonos para darlle cor e forza a unha das paisaxes máis fermosas que nos rodean "A Fervenza do Toxa". Seguindo a Andy Warhol fixemos a nosa interpretación da Fervenza, unha actividades que será o comezo dun proxecto de investigación que mesturará arte e natureza.... Como se chamará este proxecto? Pronto celebraremos o "Día das Bibliotecas Escolares" e o descubriredes....



viernes, 21 de octubre de 2022

BIBLIOTECA José López Casal

Ola garabulliños e garabulliñas!! Achégase o "Día das Bibliotecas" e estamos preparando moitas actividades e sorpresas. Agardamos a vosa visita o luns 24 para gozar dun día tan especial para todas as bibliotecas escolares.

Xa sabedes que a biblioteca dende finais do curso pasado cambiou o seu nome. Agora é a Biblioteca José López Casal. José foi o mestres que máis loitou por esta biblioteca e que conseguiu que este espazo chegara a ser un espazo de aprendizaxe lúdico, creativo, imaxinativo, de investigación, de lectura, de creación... 

Vide a nosa biblioteca á Biblioteca José López Casal. A biblioteca na que "Lemos porque nos peta".



jueves, 20 de octubre de 2022

Ola garabulliños e garabulliñas!! Temos a sorte de ter a lingua máis fermosa do mundo e a RAG  remata de producir unha película de ficción A orixe da nosa lingua guapa, para explicarnos a todos e todas como foi o proceso de formación do galego. 

A película deixámola aquí colgada para que poidades vela. Tamén está na páxina https://primaveradasletras.gal/lingua-guapa/curtametraxe Esta páxina da primaveradasletras.gal bota a andar unha sección que se chama "Lingua Guapa", que divulgará contidos sobre a lingua e a cultura galegas, así que non deixedes de visitala.

domingo, 26 de junio de 2022

AS NOSAS ÁRBORES NAS PORTAS

Ola amiguiños e amiguiñas!! Xa podemos decir que a semente do noso proxecto FORTES COMA CARBALLOS empeza a agromar. De todos os traballos que fixemos este foi un dos máis bonitos. Decorar as portas da escola coas fotos das "Nosas árbores".  As árbores dos nenos e nenas do cole de Bandeira. Todos e todas as plantamos e coidamos e hoxe podemos ver o CARBALLO na porta da Biblioteca; o CEDRO e A SOBREIRA nas portas do comedor, o CASTIÑEIRO na porta da aula de 1º e o TOXO na de inglés. 

Pero este proxecto non remata aquí. Prometemos seguir coidando o COTO DA GAITEIRA e todas as árbores da escola. Tamén prometemos manter vivo este proxecto de levar as árbores ao resto das portas o vindeiro ano e seguir investigando, aprendendo e medrando coas nosas árbores, sempre, FORTES COMA CARBALLOS!!

FELICES VACACIÓNS!!

DIGICRAFT 2021-2022

Ola amiguiños e amiguiñas!! O curso remata e un ano máis DigiCraft pecha os seus maletíns. Realidade aumentada e o videoxogo durante o primeira metade do curso, e intelixencia artificial e robótica durante a segunda metade, foron acompañando a todo o alumnado de primaria para desenvolver a súa competencia dixital a través do xogo e a experimentación.

A través dunha aprendizaxe colaborativo, da participación activa, do xogo, da experimentación,... e grazas a actividades que espertan a curiosidade, a creatividade e o desenvolvemento... Iniciámonos en aprendemos a facer un uso adecuado e seguro das tecnoloxías dixitais, unha adecuada xestión da información, concienciación sobre a importancia da pegada dixital e o coidado da privacidade dende o inicio do uso de internet.

Este é o resumo de DigiCraft. Lembrades o ben que o pasamos?



domingo, 12 de junio de 2022

SAÍDAS MEDIO AMBIENTE

Ola amiguiños e amiguiñas! Hoxe falareivos das saídas que tivemos ata o momento neste curso. Nas últimas semanas, o alumnado de primaria foi en dúas ocasións ás instalacións da Semana Verde en Silleda. Contareivos algo de cada unha delas!

A primeira delas foi ó taller de Arqueocampo, no que todo primaria aprendeu a entender e tratar con coidado os restos do pasado, así como datos moi interesantes como utilidade da proba do Carbono 14. Resumindo... a importancia da labor dos arqueólogos.


Uns días despois, os nenos de 3º a 6º curso de primaria aproveitaron uns obradoiros que se ofrecían dentro da programación da Semana Verde de Galicia (aberta do 2 ó 5 de xuño). Fixeron manualidades relacionadas coa flora e fauna autóctona de Galicia: co martiño peixeiro, co paxaro carpinteiro ou co carballo.


Vouvos contar unha cousa que me dixeron uns nenos. Seica cando lle quitarono pó ós cocos dos carballos estaban cheos de formigas. Vaia susto levou algún! Por certo, preguntádelle en realidade que son os cocos desta árbores, veredes que interesante! Xa sabedes que nunca está demais aprender sobre o Medio Ambiente para conservalo mellor posible. Xa sabedes... non hai planeta B!!

jueves, 9 de junio de 2022

FORTES COMA CARBALLOS: Unha guía das árbores da contorna dende a escola

 Ola amiguiños e amiguiñas!! Xa chegamos ao remate do noso proxecto. Un proxecto que quixo darnos azos para iniciar un curso que comezamos con mascarillas e restriccións, onde seguiamos separados por grupos e onde non podíamos facer actividades conxuntas. Propuxémonos ser "Fortes coma Carballos". Conseguímolo!! O voso sorriso, as vosas gañas de aprender e gozar, de non deixarvos entristecer pola situación que viviamos, sen decaer cando fomos enfermando,... sempre con ilusión fixo que o noso proxecto medrara e conseguira o noso obxectivo: Ser "Fortes coma Carballos".

Estamos rematando e non podemos esquecer falar das outras árbores que nos rodean e que tanto nos aportan. Todas importantes e todas coidadas por nós na nosa aula da natureza. 
Hoxe comezamos un ficheiro que prometemos completar e facer medrar día a día. Este é o pequeno proxecto que acompañará á sorpresa final do proxecto: Que pasará para fin de curso que formará parte de nós para sempre...? Que será? 

miércoles, 8 de junio de 2022

O DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE: O sentir dos peixes

Ola amiguiños e amiguiñas!! O "Día Mundial do Medio Ambiente" é unha data moi marcada para nós nesta escola. Pois non é só unha data a traballar na aula. É unha data que traballamos todos os días modificando as nosas conductas. Dende o noso proxecto "Fortes coma Carballos" perseguemos despertar inquedanzas de preocupación pola natureza e de responsabilidade ante o seu coidado tomando medidas coma a reciclaxe dos residuos, a reutilización, o consumo responsable, a redución de lixo,...

A importancia que ten o noso comportamento hoxe reflectirase no futuro. É algo que nos custa entender porque pensamos que o que un fai unha soa persoa non pode ser tan malo... Pero cando todos fan o mesmo?

Os compañeiros e compañeiras de 5º e 6º decidiron facernos pensar... Sabedes que é o "Mar de Plástico"?

Pensade na cantidade de plástico que se fabrica en todo o mundo... Pensade na bolsa de chuches que vemos voar polo patio e ninguén tira na papeleira. A donde vai voando? Pois moitos dos plásticos que xeneramos van a parar ao mar. Isto está provocando a formación de grandes illas de lixo... Illas de plásticos máis grandes que toda España e Portugal xuntas.

O océano está a converterse nun vertedoiro, nun MAR DE PLÁTICO que afecta a saúde da fauna e da flora mariños. Aquí é onde os maiores do cole fixeron un pequeno mural dándolle voz e vida aos peixes que nos contan coma se sinten, dannos consellos, e fannos pensar... Se queremos ser "Fortes coma Carballos" e as nosas árbores ver medrar... o mar temos que coidar...



lunes, 6 de junio de 2022

As árbores no Día Mundial do Medio Ambiente

Ola amiguiños e amiguiñas!! Cada 5 de xuño celébrase en todo o mundo o "Día Mundial do Medio Ambiente". Dende as distintas fundacións, asociacións ecoloxistas,... estase a buscar fórmulas para contribuír  á protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático.
Nós como escola tamén nos sumamos a esta celebración con distintas actividades que fomos levando a cabo ao longo do curso grazas ao noso PDI "Fortes coma Carballos" e que remataremos ao longo desta semana con distintas propostas. 
Queremos comprometernos no coidado do Medio Ambiente e concienciar  sobre a importancia de coidar os nosos entornos naturais para garantizar a saúde dos seus habitantes.
O mellor xeito de coidar o nosa contorna é coñecela, e por iso, o noso carballo da entrada encheuse de libros de contos e de información sobre as árbores. Con estes faremos unhas fichas que nos permitirán coñecer mellor as nosas fragas e bosque, as nosas árbores en xeral e aprender a valoralas e coidalas.




viernes, 3 de junio de 2022

Curiosidades de Exipto en Radio Garabullo

Ola amiguiños e amiguiñas!! Daniela, Mariña e Uxía de 2º están moi interesadas en Exipto. Continuamente buscan libros deste tema para contar na clase aos compañeiros e compañeiras. Gústalles tanto!!

Hai uns días, decidiron facer un pequeno podcast para Radio Garabullo. Querían contar algunhas cousiñas desta civilización tan curiosa e que a elas tanto lles fascina.

Non deixedes de escoitar o seu programa de radio. E para os que esteades interesados en descubrir máis cousas de Exipto pasade pola biblioteca que temos libros tan interesantes e curiosos coma: EL GRAN LIBRO DE EGIPTO.


Esocitade o Podcast!!

ARTE RECICLADO

Ola amiguiños e amiguiñas!! Sabedes o que pasa cando saídes a dar un paseo polo monte e recolledes restos de follas e ramiñas? Ou cando aproveitades algúns refugallos que normalmente tiraríamos ao lixo...? Pois que podedes facer arte.!!

Ao poñer en funcionamento a creatividade e a imaxinación podemos crear auténticas obras de arte reciclado. Cousas femosas e marabillosas coma as que fixeron os nenos e nenas de 4º. 

Achégase o Día do Medio Ambiente e é unha idea estupenda para traballar Arte reciclado na aula. E para aqueles que precisen algunha idea extra non esquezades pasar pola biblioteca, que temos un montón de libros con consellos para xogar e crear coa Natureza e con produtos de refugallo. Estamos agardándovos!!





miércoles, 1 de junio de 2022

A RADIO QUE VALORA OS CONTOS

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe chega a nós un novo programa de Radio Garabullo. O 3º programa de A RADIO QUE VALORA OS CONTOS. 
Darío axudado por Cova e Izan preséntanos tres contos. Cada un garda un valor especial.
No hay planeta B de Eva Saldaña... Sabemos que a Terra precisa axuda urxente, pero... Que pode facer unha nena fronte a emerxencia climática do planeta?


O lobo feroz solo quere ser amado de Christine Naumann-Villemin. Que pasa se un día os malos dos contos queren deixar de ser malos?

O paraugas de Cebra de David Hernández Sevillano. Coas primeiras gotas de chuvia Cebra abre o paraugas e... Escoita o programa de Radio e... Corre á biblioteca a por estes fermosos contos!!

domingo, 22 de mayo de 2022

Florencio Delgado Gurriarán e os Scornabots

Ola amiguiños e amiguiñas!! Aínda que a semana das Letras Galegas queda atrás, para nós seguen presentes en moitas das actividades que levamos a cabo. Este mes no que aprendemos tantas cousas de Gurriarán, que mellor xeito de avaliar os nosos coñecementos que xogando cos escornabots? Pouco a pouco todos os nenos e nenas do cole pasan un ratiño na aula ou na biblioteca xogando con estes robotiños tan divertidos. Ollade!!

jueves, 19 de mayo de 2022

A POESÍA DE GURRIARÁN ASOMA POLOS CORREDORES

Ola amiguiños e amiguiñas!! Como ben sabedes Florencio Delgado Gurriarán foi un gran poeta e mostra da súa poesía a escoitamos tanto ao longo da semana pasada nas filas de entrada, coma o día das Letras Galegas coa emisión en Radio Garabullo dun programa dedicado a este grande autor.

Non contentos con iso decidimos plasmar os seus poemas ao noso xeito, polos corredores do cole. Animádevos a pasar a velos e para que os poidades ver coa familia aquí deixamos unha mostra.










martes, 17 de mayo de 2022

Florencio Delgado Gurriarán en Radio Garabullo

Ola amiguiños e amiguiñas!! Feliz "Día das Letras Galegas". Como ben sabedes hoxe celebramos o Día das Letras Galegas, este ano dedicado a Florencio Delgado Gurriarán. Os compañeiros e compañeiras de 5º e 6º cada mañá cando entrabamos na escola foron contándonos cousiñas da súa vida e recitando aqueles poemas que máis lles gustaron. Tamén emitiron un programa especial en Radio Garabullo. Queredes escoitalo?

jueves, 12 de mayo de 2022

OBRADOIRO CON CRISTINA COLLAZO

Ola amiguiños e amiguiñas!! O pasado martes 10 de maio os vosos compañeiros de 5º e 6º contaron coa visita de Cristina Collazo coa que fixeron un obradoiro de expresión oral. Aprenderon a perder un pouco de vergonza e a través de xogos e actividades diversas e adquiriron técnicas para mellorar a lectura, a expresión e a interpretación.

O mellor de todo é que esta actriz, mestra ou titirimestra, coma ela mesma se define, é a nosa veciña e prometeunos voltar o vindeiro ano para facer con nós pequenos obradoiros tan interesantes e divertidos coma este. Ollade!!

martes, 10 de mayo de 2022

Visita de Paco Nogueiras

Ola amiguiños e amiguiñas!! O luns pasado contamos coa visita de Paco Nogueiras que escolleu a nosa Biblioteca para vir e contar e cantar contos. 
Os nenos e nenas de infantil, e de primeiro e segundo de primaria, pasárono xenial escoitando contos coma: Elmer, O can de Milu, Selva ou Ratos na Escola e cantando ao sons e marcando os ritmos que Paco Nogueiras lles ía amosando.
Queredes ver o ben que o pasaron? Ollade!!

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS 2022

Ola amiguiños e amiguiñas!! Estamos nunha semana de celebración grande. Celebramos as nosas letras. As LETRAS GALEGAS. Este ano como xa sabedes está dedicado a Florencio Delgado Gurriarán e como non podía ser menos xa loce no patio do cole xunto co resto dos autores homenaxeados nesta data en anos pasados.



Xa sabemos que todos estamos a achegarnos a este gran poeta que entre outros nomes gustáballe chamarse Korgomófilo. Ao longo desta semana iremos aprendendo moitas cousas del nas aulas e tamén na entrada da man dos compañeiros e compañeiras de 5º e 6º. Onte contáronnos algo da súa vida. Que nos contarán hoxe?


E para que a información sexa completa non esquezades dar un paseo pola entrada do cole. Xa temos un recuncho dedicado a vida e obra de Gurriarán. Animádesvos a visitalo?



 

DÍA DE EUROPA

Ola amiguiños e amiguiñas!! Onte foi o 9 de maio "Día de Europa", unha data moi sinalada no calendario no que se celebra a paz e a unidade de Europa.


O alumnado de 4º proponnos traballar esta data dun xeito distinto. Achegarnos a Europa a través das árbores que identifican cada país, unindo así a importancia desta data e o proxecto deste ano da biblioteca. O Carballo da entrada amenceu con fotos das distintas árbores que máis identifican aos distintos países europeos, e con follas coa información máis relevante dos mesmos. 

Non deixedes de pasar a ver esta fantástica exposición que nos axuda a coñecer algo máis da Europa da que formamos parte e que completa un pouco máis o noso proxecto: ser "Fortes coma Carballos". 

jueves, 5 de mayo de 2022

LETRAS GALEGAS 2022: Florencio Delgado Gurriarán

Ola amiguiños e amiguiñas! Sabedes quen é Florencio Delgado Gurriarán? Pois si. Tal e como dicides e o homenaxeado este ano durante a Semana das Letras Galegas. Nas aulas aprenderemos moitas cousas da vida e da obra deste autor e faremos traballos e xogos que compartiremos entre todos.

Para que sexades quen de aprender máis cousas de Gurriarán déixovos información. Só tedes que picar nas imaxes.