jueves, 30 de abril de 2026

Recuperando o Coto da Gaiteira 🌳

Ola amguiños e amiguiñas!! Os nenos e nenas de 3º e 4º de Primaria de Educación Primaria continúa implicado no coidado e recuperación  do Coto da Gaiteira, un espazo do centro no que hai anos encheuse coa plantación de numerosas árbores frondosas, pero que co paso do tempo foi quedando algo descoidado.

Co obxectivo de coñecer mellor a súa historia e avanzar na súa recuperación, tivemos a sorte de contar coa visita de José, antigo mestre do cole, e impulsor deste fermoso proxecto, quen no seu día chegou a plantar máis de 40 especies diferentes de árbores.

Durante a xornada, o alumnado non só puido percorrer o coto da súa man, senón que tamén aproveitou para realizarlle unha entrevista, na que lles contou como foron os inicios deste espazo e lles deu valiosos consellos para coidalo e mantelo no futuro.

Se queredes saber o que falaron aquí tedes a entrevista realizada, así como un vídeo resumo desta experiencia tan enriquecedora.




Seguimos aprendendo e medrando xuntos, coidando e recuperando os espazos que forman parte da nosa historia 🌿


martes, 28 de abril de 2026

Visita de Iván o pai de Eire

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe contamos coa vista de Iván o pai de Eire de 5º, que traballa como garda forestal.

A través de vídeos e explicacións moi interesantes, achegounos ao seu día a día, amosándonos en que consiste o seu traballo e cal é a súa importancia para coidar e protexer o noso entorno natural.

Falounos das tarefas que realiza un garda forestal, dos riscos aos que se enfronta no seu traballo, a  importancia de previr incendios e coidar os montes ou como podemos contribuír nós tamén á protección da natureza.

Fixo fincapé en todo o relacionado cos incendios forestais, entendendo o perigosos que poden ser e o fundamental que é actuar con responsabilidade.

Grazas aos vídeos, puidemos ver situacións reais do seu traballo, o que fixo a experiencia moito máis próxima e interesante.

Foi unha charle moi interesante que nos axudou a valorar a importancia de profesións fundamentais para o coidado do medio ambiente.

Moitas grazas Iván por compartir con nós esta experiencia tan valiosa!



domingo, 26 de abril de 2026

NA SEMANA DO LIBRO... Cada día unha pregunta

Ola amiguiños e amiguiñas! Continuamos coa celebración da semana do Día do Libro e coas preguntas relacionadas con vós e a lectura. Hoxe foi a quenda do alumnado de 5º que aproveitaron os apadriñamentos lectores para facernos as preguntas.

Así, despois das lecturas, percorreron todo o patio, micro en man, preguntando a compañeiros e compañeiras, a algúns mestres e as familias:
Cal é o voso conto favorito?

Queredes saber as vosas respostas? Pois... adiante vídeo!

Visita de Fernando o pai de Sabela de 5º

Ola amiguiños e amiguiñas!! No noso centro estamos cada vez máis comprometidos co coidado do medio ambiente, e pouco a pouco imos dando pasos importantes para mellorar os nosos hábitos, especialmente no relacionado coa reciclaxe.

O alumnado de 5º de Primaria puxo en marcha unha iniciativa moi interesante: a vixiancia dos colectores do patio, asegurándose de que os residuos se depositen correctamente. Ademais, elaboraron cartelería clara e visual para axudar a toda a comunidade educativa a facer unha correcta separación do lixo.


Pola súa parte, en 3º e 4º de Primaria traballaron arredor do Día da Terra, reflexionando sobre a importancia de coidar o noso planeta e os pequenos xestos que podemos facer no día a día. Como resultado, crearon un cartel informativo que xa está colocado no 1º andar, recordándonos como separar correctamente os residuos.

Ademais, tivemos a visita de Fenando, o pai de Sabela, alumna de 5º, que traballa na recollida de lixo co camión. Estivo acompañado de José o seu compañeiro de traballo, de Paula a alcaldesa e de dous concelleiros Ángela e Requeijo. Grazas á súa explicación, puidemos coñecer de primeira man como é este servizo esencial, que ocorre cos residuos unha vez que os depositamos e a importancia de facer ben a separación dende a casa e o cole.

Todas estas accións forman parte dun compromiso común: ser máis responsables, máis conscientes e máis respectuosos co noso entorno.

Porque pequenos xestos… poden cambiar o mundo.

Un cole que le: celebrando o Día do Libro xuntos

 Ola amguiños e amiguiñas! Acabamos de rematar unha semana moi especial arredor da lectura, chea de propostas que nos fixeron gozar, compartir e descubrir o pracer de ler dende diferentes perspectivas.

Comezamos levando os libros ao aire libre na "Hora de Ler”, onde pequenos e maiores puideron desfrutar das súas historias favoritas aproveitando o bo tempo, nun ambiente relaxado e diferente.

Continuamos cunha das nosas tradicións máis queridas: os apadriñamentos lectores, nos que alumnado de Infantil e Primaria compartiu lecturas, creando vínculos moi especiais entre maiores e pequenos. Unha actividade que, ano tras ano, segue sendo das máis agardadas!

O alumnado de 5º e 6º de Primaria tamén puxo en marcha unha proposta moi creativa e sostible: a elaboración de marcapáxinas a partir de libros vellos. Estes marcapáxinas foron repartidos entre os compañeiros e compañeiras do centro, dándolle unha nova vida a materiais que xa non se utilizaban e fomentando, ao mesmo tempo, o gusto pola lectura.


Alumnado de 5º e 6º repartindo os marcapáxinas

Ademais, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria converteuse en auténtico equipo de reporteiros, realizando entrevistas aos seus compañeiros e compañeiras do centro. As preguntas xiraron arredor da lectura:
  • Onde lles gusta ler?
  • Que tipo de contos ou lecturas prefiren?
  • Cal é o seu conto favorito?
  • Que actividades relacionadas coa lectura lles gustan máis?

As respostas deixáronnos ver a gran variedade de gustos e, sobre todo, que a lectura forma parte do día a día do noso alumnado, xa sexa na casa, no cole ou en calquera recuncho especial.

Todo este traballo estivo acompañado por un mural na entrada do centro, que foi elaborado, polo alumnado de 5º,  con libros vellos e materiais reutilizados, aos que lles demos unha nova vida para convertelos nunha fermosa decoración chea de creatividade e significado.

Preparando o Mural

O RESULTADO

E aínda nos queda unha das citas máis solidarias (que será o 29 na feira): a nosa feira do libro, na que intercambiaremos libros procedentes do expurgo por alimentos non perecedoiros ou produtos de hixiente. Todo o recollido será doado ao Concello para axudar ás familias que máis o precisan. Un xeito de unir lectura e solidariedade.

Sen dúbida, foi (e segue sendo) unha celebración moi completa, na que a lectura se converteu no eixo para aprender, compartir e tamén axudar aos demais.

viernes, 24 de abril de 2026

Apadriñamentos Lectores

Ola amiguiños e amiguiñas! Con motivo do Día do Libro, no noso cole volvemos celebrar unha das actividades máis especiais e agardadas do curso: os apadriñamentos lectores.

Ano tras ano, esta proposta convértese nun momento moi querido por todo o alumnado. Os nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria xúntanse para compartir lecturas, creando parellas nas que os maiores acompañan aos máis pequenos nunha experiencia chea de aprendizaxe, de cooperación. Non esquezamos ler tamén é compartir.

HORA DE LER no patio

Ola amiguiños e amiguiñas!! Esta semana, coincidindo coa celebración do Día do Libro, no noso cole decidimos levar a lectura máis alá das aulas… e saír ao patio para gozar dela ao aire libre!

Aproveitando o bo tempo e os recunchos tranquilos do centro, os nenos e nenas participaron na actividade “A hora de ler no patio”, un espazo especial onde os libros foron os grandes protagonistas. Baixo o sol, entre risas e momentos de calma, cada quen escolleu a súa historia favorita para mergullarse nela.

Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que repetiremos pronto. Porque ler… tamén pode ser unha aventura ao aire libre!

1º ciclo aprovieta a terra dos composteiros!!

Ola amiguiños e amiguiñas! As nenas e nenos de 1º ciclo de Educación Primaria continúa avanzando no PDI da biblioteca “Melloramos cando recuperamos”, implicándose activamente na recuperación do Horto.

Onte foron recoller terra dos composteiros para comezar a preparar as camas de cultivo do noso horto. A través desta actividade, puideron comprobar de primeira man como os residuos orgánicos se transforman en terra fértil, comprendendo así a importancia da compostaxe e do coidado do medio ambiente.

Ademais, esta experiencia tamén lles permitiu reflexionar sobre o uso correcto dos composteiros, xa que atoparon nun lixo que non debía estar alí. Isto serviu para concienciarse aínda máis da necesidade de facer un bo uso destes espazos e respectar o medio.

Con moita ilusión e ganas de traballar, xa están deixando todo listo para plantar. Pouco a pouco, o noso horto vai volvendo á vida grazas ao seu traballo e compromiso .

jueves, 23 de abril de 2026

NA SEMANA DO LIBRO... Cada día unha pregunta

Ola amiguiños e amiguiñas! Continuamos coa celebración da semana do Día do Libro e coas preguntas relacionadas con vós e a lectura. Hoxe foi a quenda do alumnado de 6º que xa están moi inquietos pola excursión e porque é o seu último ano no cole.

Así, a 1ª hora da mañá, saíron polo centro para facer unha pregunta moi interesante a todos os compañeiros e compañeiras:
Que tipo de actividades, relacionadas coa lectura, vos gusta FACER?

Queredes saber as vosas respostas? Pois... adiante vídeo!


miércoles, 22 de abril de 2026

PREMIOS JOSÉ HERMIDA II: A mellor sopa do mundo

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe, queremos felicitar ao alumnado de 4º de primaria, que quedou finalista nos Premios José Hermida II, organizados por Cadena SER Pontevedra.

Presentáronse cun podcast no que contaban o conto A mellor sopa do mundo, de Susanna Isern.

Ademais, eles mesmos crearon os efectos sonoros para darlle vida á historia, empregando obxectos da aula (técnica coñecida como foley).

Foi unha experiencia moi bonita na que traballaron a lectura, a expresión oral e o traballo en equipo.

Parabéns polo gran traballo! Agora toca agardar pola final que será o vindeiro 8 de maio.

Aproveitamos esta semana dedicada ao "Día do Libro" para emitir o conto. Escoitade!!

DÍA DA TERRA 2026

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe, 22 de abril, celebramos o  Día da Terra. O alumnado de 2º ciclo de primaria quixo celebraresta data dunha maneira moi especial: creando o seu propio programa de radio.

A través deste podcast, comparten ideas, reflexións e compromisos para coidar o planeta, explicando con palabras sinxelas por que é tan importante protexer a nosa Terra.

Partindo do lema deste ano, “O noso poder, o noso planeta”, lembran que todas as persoas, tamén os nenos e nenas, poden facer pequenas accións que axudan a conseguir un mundo mellor.





Non esquezamos o traballo que xa se está a desenvolver no centro: a recuperación do Coto da Gaiteira ou a creación de murais informativos que temos na entrada do centro por parte do alumnado de 2º ciclo ou o traballo do alumnado de 5º para mellorar o reciclaxe e a recollida do lixo dos patios.

Queredes escoitalo?


E para non esquecer traballos feitos no cole deixamos este vídeo feito hai anos sobre os "Plásticos"

martes, 21 de abril de 2026

NA SEMANA DO LIBRO... Cada día unha pregunta

Ola amiguiños e amiguiñas! Continuamos coa celebración da semana do Día do Libro e coas preguntas relacionadas con vós e a lectura. Hoxe foi a quenda do alumnado de 4º que, a pesar de estar de cheo na probas avalia , decidiron participar nesta actividade.

Así, a 1ª hora da mañá, saíron polo centro para facer unha pregunta moi interesante a todos os compañeiros e compañeiras:
Que tipo de lecturas ou contos vos gusta LER?

Queredes saber as vosas respostas? Pois... adiante vídeo!

lunes, 20 de abril de 2026

NA SEMANA DO LIBRO... Cada día unha pregunta

Ola amiguiños e amiguiñas! Esta semana no cole estamos a celebrar o Día do Libro e queremos saber moitas cousas relacionadas con vós e a lectura. Hoxe foi a quenda do alumnado de 3º, que se converteu en auténticos reporteiros e reporteiras.

Saíron polo centro para facer unha pregunta moi interesante a todos os compañeiros e compañeiras:
Onde vos gusta ler?

Queredes saber as vosas respostas? Pois... adiante vídeo!

VISITOUNOS JAVIER O PAI DE ÁLVARO E MARTÍN

Ola amiguiños e amiguñas. Dende a biblioteca do centro queremos agradecer a Javier, pai de Martín de 4º e Álvaro de 5º de infantil, a súa participación nunha actividade moi interesante e enriquecedora para o noso alumnado.

Durante a súa visita, achegounos a unha parte do seu traballo e da súa gran afección: o mundo das covas. A través dunha charla amena e moi didáctica, o alumnado de 3º a 6º puido coñecer as covas máis importantes de Galicia, os distintos tipos que existen e aspectos tan curiosos como a diferenza entre estalactitas e estalagmitas.

Ademais, Javier tamén incidiu nas medidas de seguridade necesarias para a exploración das covas, facendo especial fincapé na importancia do respecto e coidado destes espazos naturais.

A súa exposición resultou moi entretida, participativa e chea de aprendizaxes, espertando o interese e a curiosidade de todos os nenos e nenas.


Queremos destacar tamén que, ademais das sesións co alumnado durante a mañá, tivemos a sorte de contar cun encontro coas familias, ampliando así o alcance desta experiencia.

Moitas grazas, Javier, por compartir connosco o teu tempo, coñecementos e paixón.

ATRÉVETE A PESCUDAR CON ELAS

Ola amiguiños e amiguiñas! A curiosidade foi o punto de partida e tamén o motor desta iniciativa. O alumnado de quinto de Educación Primaria converteuse por un día en pequeno xornalista científico para dar forma a un vídeo no que trasladan as súas preguntas a investigadoras da Universidade da Coruña.

Con espontaneidade, interese e moitas ganas de aprender, os nenos e nenas afondan na ciencia desde a súa propia mirada, demostrando que preguntar é sempre o primeiro paso para descubrir.

Este traballo preséntase ao concurso Atrévete a pescudar con elas, convocado pola Universidade da Coruña, unha proposta que promove o achegamento do alumnado ao mundo da investigación e visibiliza o papel das mulleres na ciencia.

Un proxecto no que a ilusión, a aprendizaxe e a curiosidade van da man para seguir abrindo portas ao coñecemento.

jueves, 16 de abril de 2026

Os ecosistemas por 5º

Ola amguiños e amiguiñas! O alumnado de 5º fixo unha estupenda recreación dos distintos ecosistemas que expuxo na entrada do cole. Ademais aproveitaron para contarlle moitas cousiñas aos nenos e nenas de 1º de todo o que aprenderon.

martes, 14 de abril de 2026

Contos na biblio con Verónica, a nai de Leire de 5º de infantil

Ola amiguiños e amiguiñas! O pasado venres vivimos unha mañá moi especial na nosa biblioteca. Tivemos a visita de Verónica, a nai de Lerire de 4 anos, que quixo compartir con nós un tempiño cheo de historias e emocións.

A través dos contos “Adiós, enfado ¡Hola, calma!” e “Contemos cinco patos”, os nenos e nenas de infantil gozaron, participaron e riron moitísimo.

Moitísimas grazas por acompañarnos e por facer deste ratiño unha experiencia tan bonita! 

jueves, 9 de abril de 2026

Parabéns 9-03-2026

Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe, dende a emisora de Radio Garabullo, volvemos a emitir para o comedor do cole. Da man de Martina, Mauro, Xoán e Guille de 5º continuamos cun 2º podcast de "Parabéns á hora de comer e as novas do tempo de lecer". Aproveitamos para felicitar o aniversario a todo o alumnado, persoal do centro e familias colaboradoras do comedor nados nos meses de decembro, xaneiro, febreiro e marzo. Queredes escoitalos?

miércoles, 8 de abril de 2026

CONCURSO PLÁTANO DE CANARIAS

Ola, amiguiños e amiguiñas!!

Xa comezou a 5ª edición da Liga Saudable de Plátano de Canarias, un torneo escolar, que combina aprendizaxe e diversión a través de aventuras educativas en formato escape room dixital.

Unha experiencia inmersiva,impulsada por Plátano de Canarias que invita a descubrir  que coidarse, alimentarse ben e consumir froita tamén pode ser unha gran aventura!

Para participar tedes que premer na ligazón do voso curso, poñer o voso número na aula e superar as distintas probas. Moita sorte!!

Enlace para 3º de Primaria:



Enlace para 4º de Primaria:


Enlace para 5º de Primaria:


Enlace para 6º de Primaria:









martes, 7 de abril de 2026

REPORTEIROS SD BANDEIRA

 Ola amiguiños e amiguiñas!!

Xoán, Vega, Hugo Fuentes e Hugo Otero decidiron converterse en reporteiros e reporteiras deportivas para contar o que pasa nalgún dos seus partidos.

Neste podcast comparten as xogadas, os momentos máis importantes e como se sentiron xogando en equipo.

Dádelle ao play e escoitade o seu traballo! 


Non é seu primeiro programa. O primeiro foi emitido para o comedor do cole e aquí o deixamos publicado.

jueves, 2 de abril de 2026

02-04-2026: "Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo"

Ola amiguiños e amiquiñas! Este ano, a asociación AÚPA DEZA quixo compartir connosco unha fermosa iniciativa para celebrar o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.

Agasallaron ao noso centro cunhas chapas moi especiais, co obxectivo de dar visibilidade ao autismo e promover valores como o respecto, a inclusión e a empatía.

O alumnado participou con moita ilusión, levando as chapas e realizando fotografías mostrando así o seu apoio a esta causa.

Dende a BIBLIOTECA queremos agradecer este detalle, sumarnos a esta proposta e seguir traballando para construír unha escola máis inclusiva, onde todas e todos teñamos cabida 💙




Ademais dende esta semana contamos na nosa biblioteca cun libro : Vítor é autista. Nel, un neno cóntanos en primeira persoa como é o seu día a día, axudándonos a comprender mellor que significa ser autista desde a súa propia mirada.

Trátase dunha lectura sinxela, emotiva e moi valiosa para traballar a empatía, o respecto e a inclusión co noso alumnado. A través da súa historia, Vítor achéganos á súa forma de sentir, pensar e relacionarse co mundo, rompendo estereotipos e achegándonos á diversidade como unha riqueza.

Animamos a toda a comunidade educativa a achegarse a este libro e a seguir construíndo xuntos unha escola máis inclusiva, onde todas e todos teñamos o noso lugar 💙