Ola, amiguiños e amiguiñas! Hoxe queremos compartir unha das actividades que vivimos na nosa biblioteca escolar, enmarcada dentro do noso Proxecto Documental Integrado (PDI).
O alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de Educación Primaria participou nun obradoiro de biblioteca creativa moi especial da man de Cristina e Jean-Ba, de Alouette Machine. Foi unha experiencia diferente, manipulativa e chea de significado, na que as nenas e nenos puideron achegarse ao mundo da imprenta manual.
Durante a sesión, descubriron como se elaboraban antigamente os carteis, empregando letras móbiles, tintas e prensas. Con moita ilusión e creatividade, foron creando as súas propias composicións, converténdose por un intre en auténticos impresores e impresoras.
O resultado deste traballo foi a creación de cartelería destinada a dous espazos moi importantes dentro do noso proxecto: o Horto e o Coto da Gaiteira. Deste xeito, a actividade non só tivo un valor artístico e manipulativo, senón tamén funcional, xa que as súas creacións formarán parte do día a día do centro.
Ademais, esta proposta permitiu traballar aspectos como a cooperación, a atención ao detalle, a expresión escrita e o respecto polos procesos tradicionais de creación, conectando o pasado co presente dunha maneira moi significativa.
Sen dúbida, foi unha experiencia enriquecedora que deixou pegada no noso alumnado e que contribúe a facer da biblioteca un espazo vivo, dinámico e cheo de aprendizaxes.
Moitas grazas a Cristina e Jean-Ba por achegarnos esta marabillosa actividade!
0 comentarios:
Publicar un comentario