Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe é o 25 de novembro Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Este día serve para lembrar que todas as persoas debemos tratar ás demais con respecto, cariño e igualdade. As nenas e as mulleres teñen dereito a vivir libres, seguras e felices, e nós tamén podemos axudar a conseguir un mundo mellor sendo xustos, apoiándonos e falando sempre con respecto.
“Florece e medra libre”
Este ano, no cole todo o alumnado participou na creación dun mural moi especial
Baixo o lema “Florece e medra libre”, fixemos dúas flores enormes. En cada un dos seus pétalos escribimos letras de cancións que animan ás mulleres a florecer, crecer, ser fortes e confiar en si mesmas.
O mural lembra que, igual cas flores, todas as persoas necesitamos coidado, apoio e liberdade para medrar. Quedou precioso grazas ao traballo de todas as aulas!
Para acompañar esta conmemoración, dende a biblioteca recomendamos un conto moi especial: Maruxa de Eva Mejuto. É unha historia chea de simpatía e humor que nos fala do inxenio que ten Maruxa para acadar a igualdade. Un libro perfecto para ler en familia ou na aula. Aos compañeiros de 1º e 2º de primaria encantoulles!!


0 comentarios:
Publicar un comentario