lunes, 5 de junio de 2023

NATURARTE 4º: Estampación en Arxila

Ola amiguiños e amiguiñas!! Seguimos presentando o resultado dos vosos traballos de investigación que unen a natureza e a arte. Hoxe tócanos falar do alumnado de 4º. Colaboraron con este proxecto converténdose en expertos artesáns, empregando como material de traballo, a arxila. Aproveitaron as múltiples posibilidades que ofrece este material para experimentar a técnica de estampado, con follas da nosa contorna, creando pezas únicas.

Os vosos compañeiros de 4º contáronnos que esta actividade resultou moi interesante para experimentar con diferentes combinacións de cores e formas fomentando a creatividade, a imaxinación e estimulación sensorial e o desenvolvemento de habilidades de coordinación. Unha posibilidade de aprendizaxe activa que serviu como espazo de relaxación e xestión emocional para todos e todas.



NATURARTE 6º: Pinturas, cunchas e sal

Ola amiguiños e amiguiñas!! Os compañeiros e compañeiras de 6º aproveitaron o proxecto de Naturarte para facer varias cousas e así nolo fixeron saber.

A parte dos proxectos comúns ó longo do curso, centráronse en tres actividades de xeito específico: a decoración de cunchas de vieira, o puntillismos na paisaxe e a decoración de sal con xiz. Dixéronnos que foi sorprendente descubrir a técnica de "decourage": existen auténticos artistas na decoración de cunchas que fan debuxos realistas. Interesante tamén foi ver a pintores como Van Gogh baseándose na técnica do puntillismo, e así o intentaron aplicar a unha paisaxe primaveral ao igual que o alumnado de 5º. Pero contan, que o que máis lles entretivo foi colorear o sal con xices e logo ver o resultado no bote de cristal. De paso aprenderon un pouco sobre a reciclaxe deste material, como se forma e tamén como se obtén a sal. Dan grazas á natureza  por ofrecernos tanto e así poder crear beleza.



NATURARTE 2º: Escultura

Ola amiguiños e amiguiñas!! Continuamos con as actividades levadas a cabo nas aulas como froito da investigación do proxecto Naturarte. Neste caso foi o alumnado de 2º.

A súa proposta partiu dunha necesidade de facer da natureza parte da súa obra. Que os materiais que a natureza aporta se convertisen en ferramentas non so de construción senón tamén de concienciación.

Os nenos e nenas de 2º empregaron arxila, pedras, paos e pétalos de rosa e camelias para facer as súas creacións.

Coma Andy Goldsworthy, escultor escocés, que fai a súa obra con materiais naturais coma follas, ramas, xeo, pedras ou neve; os nosos compañeiros e compañeiras de 2º puxeron a súa creatividade a funcionar e crearon cousiñas fermosas conscientes de que unha vez realizadas a luz do sol, o aire ou simplelmente o paso do tempo terminan devolvéndoas á terra.

Son obras agarimosas e fermosas as que fixeron, incluso algunha nai lanzouse a intentalo e enviounos unha fermosa bolboreta feita con pétalos de rosa.

O motivos para facer este tipo de obras que duran tan pouco é entender a Natureza e o cambio continuo ao que está sometida.






domingo, 4 de junio de 2023

Obradoiros de HABILIDADES SOCIAIS e EMOCIÓNS!!

Ola amiguiños e amiguiñas!! Ao longo deste curso María Jesús, a mestra de PT, en colaboración coas titoras de 4º e 5º traballou habilidades sociais aplicadas a distintas situacións.
Traballando en pequenos grupos foron creando contos e cómics que implicaban a exposición e representación dos contos empregando imaxe, xestos,... Buscaban situacións de conflicto onde poder entender as emocións dos implicados e ao mesmo tempo pór en práctica as habilidades adquiridas durante os obradoiros.
Con esta actividade buscaban abrir un espazo para a comunicación, a reflexión e a actuación ante os distintos conflictos e situacións de desigualdade que se dan na nosa vida diaria.
Unha vez feitos os Obradoiros decidiron representar as súas creacións ao resto dos compañeiros do cole. En distintos momentos e durante a "Hora de Ler" foron pasando por todas as aulas. Queredes ver o seu traballo?

jueves, 1 de junio de 2023

NATURARTE 1º: ESTAMPACIÓN

Ola amiguiños e amiguiñas!! Continúan saíndo actividades resultado do proxecto de investigación que propuxemos: Naturarte

Os nenos e nenas de 1º investigaron como podían facer debuxos coa froita e chegou a eles o concepto de ESTAMPACIÓN; é dicir o proceso de impresión en distintos materiais: telas, coiros ou papeis entre outros.

O alumnado de 1º escolleu a "Estampación" de elementos que tiñan ao seu redor e probaron con froitas, verduras, follas, flores,... impregnados en témpera, acuarela, pintura de mans, tinta... para ver cal quedaba mellor. Tamén probaron con moitos materiais variados entre eles pedras, foam e gomas...

Cos resultados da súa investigacion decidiron sorprender ao alumnado do CEIP Plurilingüe de Oca facéndolles un marcapáxinas como agasallo para conmemorar o "Día das Letras Galegas".

No vídeo podedes ver todo o proceso e o resultado. Os nenos e nenas de 1º anímanvos a probar esta técnica moi rápida e divertida.

RECUNCHO RIQUIÑO

Ola amiguiños e amiguiñas!! O "Recucho Riquiño" precisaba dunha entrada especial polo valor que ten para nós. Foi un proxecto que naceu, coma ben sabedes na aula de 3º e que abriu unha zona de desafogo e un espazo de conversa.

Cando os vosos compañeiros empezaron co proxecto pensaron en pintar un banco do patio. Pero ao investigar algo do Land Art para o proxecto de Naturarte decidiron facer unha pequena intervención no patio do cole. Inspiráronse en Ugo Rondinone, un artista que ten unha obra no Deserto de Mojave, ao sur das Vegas, denominada “Seven Magic Mountains” e trátase de sete torres de rocas de pedra caliza pintadas con cores fluorescentes. 

Así naceu o "Recuncho Riquiño", un grupo de tres pedras pintadas con cores suaves e debuxos, convertido nun lugar para relaxarse, desafogarse, charlar e divertirse. Aseguramos que funciona e que algún problemas do patio foron solucionados neste espazo.  Cando un neno ou nena senta nestas pedras alguén de 3º corre a axudalo ou semplemente a escoitar. Este é o noso Recuncho Riquiño.

Se picades na imaxe podedes ver a proposta de Ugo Rondinone:




NATURARTE 3º: FOTOS FERMOSAS

Ola amiguiños e amiguiñas!! Como ben sabedes andamos a voltas co proxecto Naturarte. Terceiro finalizou o trimestre presentándonos un proxecto moi interesante que está pensado para facer en familia.

Propóñennos saír a pasear pola contorna e aproveitar xuntos o tempo de lecer, un paseo pola natureza para observala e descubrir formas, cores, detalles pintorescos... e inmortalizar eses momentos nunha fermosa foto.

Así o fixeron eles. Cada un trouxo as súas fotos e crearon o seu propio "instagram" de aula. As comentaron e contaron a historia da súa foto. Queredes velas?






lunes, 29 de mayo de 2023

DÍA INTERNACIONAL CONTRA O ACOSO ESCOLAR

Ola amiguiños e amiguiñas!! Coma sabedes o pasado 2 de maio foi o "Día Internacional contra o Acoso Escolar".

Durante este mes a clase de terceiro estivo traballando sobre esta temática e buscando ideas para loitar todos xuntos contra o bullying.

Un gran proxecto foi transformar un espazo do cole nun lugar para relaxarse, desafogarse, charlar, divertirse... este é o recuncho riquiño! Entre todo o cole estaremos atentos a se algún compañeiro ou compañeira acode ao lugar e precisa axuda.




Obradoiro con Paola Guimeráns

Ola amiguiños e amiguiñas!! A pasada semana contamos coa visita de Paola Guimeráns que, grazas a Bibliotecas Creativas, estivo no noso centro fancendo obradoiros co alumnado de infantil, 2º e 3º de primaria.

En terceiro empezaron cosendo con fío condutor para crear distintos bonecos, personaxes de historias inventadas. En segundo empregando scratch para programar e en infantil crearon contos coas placas makey makey e con plastilina condutora. Os máis pequenos achegáronse ao mundo da arte. 

No seguinte vídeo podedes ver un pequeno resumo do que aprendemos e vivimos.

jueves, 25 de mayo de 2023

FESTIVAL LETRAS GALEGAS 2023

Ola amiguiños e amiguiñas!! O pasado 19 de maio celebramos o "Festival das Letras Galegas". Escollemos A cantiga tradicional coma tema para homenaxear a Francisco Fernández del Riego tendo en conta o moito que lle gustaban.

Pero gardamos unha pequena sorpresa para comezar o Festival.  O alumnado de 4º fixo unha representación de "Garabullando" . A modo de "Concurso Radiofónico" foron interpretando unha situación moi divertida de xogo onde dous equipos concursaban para gañar o máximo número de Garabullos, amosando todo o seu coñecemento sobre as Letras Galegas e o seu homenaxeado.


E despois deste programa tan instructivo, divertido e cheo de curiosidades chegou o momento das Cantigas Tradicionais... Pero non só sabedes cantar!! Tamén bailades e tocades. Aceptades calquera reto. Sodes marabillosos!! Queredes ver coma o fixechedes? Aí van o vídeos:

INFANTIL:


1º de Primaria:


2º de Primaria:


3º de Primaria:


5º de Primaria:


6º de Primaria: