jueves, 27 de noviembre de 2025
Parabéns 27-11-25
Sabela, Hugo Otero, Vega e Martín de 4º demos comezo a unha nova etapa de "Parabéns á hora de comer e as novas do tempo de lecer". Aproveitamos para felicitar o aniversario a todo o alumnado, persoal do centro e familias colaboradoras do comedor nados nos meses de agosto, setembro, outubro e novembro. Queredes escoitalos?
FLORECE E MEDRA LIBRE COA MÚSICA
Ola amiguiños e amiguiñas!! Como xa sabedes entre todos escollemos unhas cancións fantásticas para celebrar o 25N. Todas elas seguindo o lema "Florece e medra libre". Cada clase tivo o seu motivo. Todas animan a seguir adiante con forza e así o sentimos o martes cando todos xuntos celebramos o 25N "Día Mundial da Eliminación da Violencia contra a Muller" .
lunes, 24 de noviembre de 2025
25 N: FLORECE E MEDRA LIBRE
Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe é o 25 de novembro Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Este día serve para lembrar que todas as persoas debemos tratar ás demais con respecto, cariño e igualdade. As nenas e as mulleres teñen dereito a vivir libres, seguras e felices, e nós tamén podemos axudar a conseguir un mundo mellor sendo xustos, apoiándonos e falando sempre con respecto.
“Florece e medra libre”
Este ano, no cole todo o alumnado participou na creación dun mural moi especial
Baixo o lema “Florece e medra libre”, fixemos dúas flores enormes. En cada un dos seus pétalos escribimos letras de cancións que animan ás mulleres a florecer, crecer, ser fortes e confiar en si mesmas.
O mural lembra que, igual cas flores, todas as persoas necesitamos coidado, apoio e liberdade para medrar. Quedou precioso grazas ao traballo de todas as aulas!
Para acompañar esta conmemoración, dende a biblioteca recomendamos un conto moi especial: Maruxa de Eva Mejuto. É unha historia chea de simpatía e humor que nos fala do inxenio que ten Maruxa para acadar a igualdade. Un libro perfecto para ler en familia ou na aula. Aos compañeiros de 1º e 2º de primaria encantoulles!!
sábado, 22 de noviembre de 2025
EN BANDEIRA PINTAMOS TODOS
Ola amiguiños e amiguiñas!! Hoxe tócanos felicitar aos compañeiros e compañeiras de 5º pola súa participación no concurso ""Canta y baila contra el bullying" convocado pola empresa Giotto e a Asociación Española contra o Acoso Escolar. Onte enterámonos de que gañaron na súa categoría e que participan na final do día 25 de novembro.
Supoñemos que todos e todas queredes ver o vídeo gañador... Aquí volo deixamos.
Ola amiguiños e amiguiñas!! Sabíades que o alumnado de 5.º participa no concurso “Canta y Baila Contra el Bullying”?
Pois si! O alumnado de 5.º de Primaria está a participar no concurso “Canta y Baila Contra el Bullying”, unha iniciativa que promove o respecto, a empatía e a convivencia positiva a través da música e da danza.
Para o certame, os nenos e nenas interpretaron e gravaron a canción “Aquí pintamos todos” na radio do colexio, unha experiencia moi divertida que esperta unha gran motivación en todo o grupo. Eles mesmos crearon a coreografía, demostrando a súa creatividade, a capacidade de colaboración e o compromiso coa mensaxe da canción.
Así foron gravando as distintas escenas do videoclip, que despois se montaron para dar forma ao resultado final. A ilusión foi tal que outros compañeiros e compañeiras do centro xa están aprendendo a canción, de tanto escoitala durante os ensaios, nos recreos e nos corredores do colexio.
Todo este proxecto xurdiu a raíz da charla que o alumnado tivo co escritor Eloy Moreno sobre o acoso escolar, unha experiencia que os fixo reflexionar e os animou a actuar. Desa inspiración naceu a súa participación no concurso, cunha mensaxe clara e chea de cor:
“Todos pintamos contra o bullying”.
miércoles, 19 de noviembre de 2025
GARABULLO PIDE AXUDA
Ola amiguiños e amiguiñas!! Onte pasou unha cousa moi especial. Garabullo foi curso por curso para facer unha proposta moi especial! Quere que todas e todos investiguemos e traballemos nun novo Proxecto Documental Integrado (PDI) que leva por título “Melloramos cando recuperamos”.
A mensaxe é clara: cando coidamos o que xa temos, cando recuperamos espazos e lles damos unha segunda vida, todos e todas melloramos: o cole, o medio ambiente, e tamén nós mesmos.
Os máis pequenos recibiron a misión de pensar e investigar como facer do patio un lugar máis bonito, máis divertido e máis verde. Observan, debuxan, propoñen e mesmo fan pequenas investigacións sobre plantas e xogos. Están demostrando que as grandes ideas tamén veñen de peques moi pequenos.
viernes, 14 de noviembre de 2025
UNHA CHARLA MOI INTERESANTE ABRE O PERÍODO DE "LECTURA E FAMILIAS"
jueves, 13 de noviembre de 2025
A biblioteca aula de aprendizaxe
Ola amiguiños e amiguiñas!! Sabiades que o alumnado de 2º pasa todas as semanas pola biblioteca para traballar na áreas de ciencias sociais. Cando vos animades vós?
miércoles, 12 de noviembre de 2025
5º axuda a mercar cotos
Ola amiguiños e amiguiñas!! O pasado martes tivemos a posibilidade de poder mercar contos para a nosa biblioteca dende o cole. Neste caso decidimos que fosen os vosos compañeiros e compañeiras de 5º os que nos axudaran a escoller algúns contos para a biblioteca.
Como sabedes a vosa opinión é a que conta. Non deixedes de suxerirnos os contos que máis vos gustan ou aqueles que pensades que son imprescindibles na nosa biblioteca. Seguimos agardando as vosos propostas.











