miércoles, 20 de mayo de 2026

5º de Primaria, premio á reflexión e á igualdade!

 Ola amiguiños e amiguiñas! Queremos felicitar con moito orgullo ao alumnado de 5º de Primaria por resultar gañador do concurso da Deputación de Pontevedra “E ti, que pensas da igualdade?”, unha iniciativa que promove a reflexión, a creatividade e o pensamento crítico arredor dun tema fundamental: a igualdade real entre mulleres e homes.

Este certame, enmarcado nas accións do 8M, busca dar voz á infancia e á mocidade para que expresen a súa visión sobre a sociedade actual e propoñan ideas para avanzar cara a un futuro máis xusto e igualitario. E o noso alumnado non só participou… ¡senón que destacou co seu gran traballo!

O proxecto desenvolvido foi moito máis alá: partindo da reflexión na aula, o alumnado afondou nos retos actuais da igualdade a través de diferentes actividades. Entre elas, cómpre destacar o compromiso e a valentía de dúas alumnas que se desprazaron para entrevistar á científica Marisol Soengas, referente internacional na investigación, achegando así unha visión inspiradora sobre o papel da muller na ciencia.

Como peche, o traballo completouse coa creación dun podcast e outras producións co gallo do 11 de febreiro (Día da Muller e a Nena na Ciencia) e do 8 de marzo, integrando aprendizaxes, reflexións e propostas propias.

Parabéns, equipo! 💜👏


martes, 19 de mayo de 2026

LAMBECAZOLAS: Ensalada de Pasta por Manuela de 5º de Infantil

Ola amiguiños e amiguiñas!! Xa empezan a chegar algunhas receitas de Lambecazolas, que este curso invita a preparar ENSALADAS.

Comezamos coas primeiras receitas fresquiñas e saudables para o verán. Nesta ocasión, Manuela de 5º de  Infantil converteuse en auténtica protagonista e ensinounos, a través dun vídeo, como preparar unha rica Ensalada de Pasta. Con moita ilusión, explicou paso a paso os ingredientes e o proceso, convertendo a actividade nun momento divertido, educativo e cheo de sabor.

📽️ Aquí podedes ver o vídeo no que a nosa pequena chef nos ensina a súa receita de verán.

lunes, 18 de mayo de 2026

Un ratiño na biblioteca… mil posibilidades! 📚✨

Ola amiguiños e amiguiñas! Ás veces, mentres agardamos pola seguinte actividade, a biblioteca do cole convértese nun espazo cheo de vida e oportunidades. E iso foi xusto o que lles pasou os nenos e nenas de 4º de primaria!

Aproveitamos ese tempiño para explorar, crear e, sobre todo, gozar. Houbo quen se animou a construír co LEGO, deixando voar a súa imaxinación con creacións sorprendentes. Outros retaron a súa mente co cubo máxico de Rubik e con xogos diversos, compartindo estratexias e risas.

Tamén tivemos tempo para a creatividade, elaborando chapas moi orixinais, e, por suposto, para mergullarnos na lectura, descubrindo historias que nos fixeron viaxar sen saír do sitio.

Porque a biblioteca non é só un lugar para ler… é un espazo para aprender, xogar, crear e convivir. Cada ratiño conta! 💛








domingo, 17 de mayo de 2026

Ola amiguiños e amiguiñas!! O xoves tivemos a sorte de contar coa visita de Merchi, a avoa de Carmen e Elena, que estivo co alumnado de 1º ciclo e 5º de Primaria compartindo unha receita moi especial que facía cos seus pais cando era pequena: “Os Bolos do Dulceiro”, que despois levaban a vender á Feira da Bandeira.

Foi unha xornada chea de recordos, aprendizaxe e moito sabor, na que descubrimos unha parte da nosa tradición a través das mans e da memoria de Merchi.

Grazas, Merchi, por compartir con nós esta experiencia tan bonita e por facernos probar uns boliños tan ricos… que case non deixamos nin as faragullas!

XORNADA DE RADIO NO INSTITUTO

 Ola amiguiños e amiguiñas!! Estamos nunha época de celebracións da lingua galega. Son moitas as actividades que levamos a cabo para achegarnos a homenaxeada polas Letras Galegas; Begoña Caamaño.

A través de xogos, investigación e lecturas de libros e biografías imos entendendo a importancia do noso.

Os nenos e nenas de 6º achegáronse a Begoñas Caamaño dun xeito distinto, a través dunha entrevista ficticia a nosa autora. Neste caso, pedíronlle á Intelixencia Artificial que asumise o rol de Begoña e este foi o pequeno podcast resultado deste traballo.

Ademais aproveitaron o programa de radio para ir a Silleda a compartir unha xornada de Radio e Letras Galegas cos nenos e nenas do IES Pintor Colmeiro. Foi unha xornada marabillosa, entretida, festiva, e de encontros.

Aquí deixamos o pequeno podcast co que participamos e o vídeo que nos enviaron do IES Pintor Colmeiro para que poidades ver o traballo tan grande e marabilloso que fixeron.




sábado, 16 de mayo de 2026

Descubrindo Queco e Kika con Eva Mejuto

Ola amiguiños e amiguiñas!! O pasado 12 de maio tivemos a sorte de recibir a visita de Eva Mejuto. Compartiu un tempo moi especial co alumnado de 3º e 4º de Primaria, falándonos do seu libro Queco e Kika. Encantounos a historia e, sobre todo, descubrir da súa man as curiosidades e segredos que agocha.

Ademais, tivemos a oportunidade de facerlle preguntas, compartir impresións e afondar un pouco máis no mundo da lectura e da creación de historias, o que resultou unha experiencia moi enriquecedora e motivadora para seguir lendo e escribindo.

Moitas grazas, Eva, por esta visita tan especial!

viernes, 15 de mayo de 2026

Coñecendo a Begoña Caamaño con 6º

 Ola amiguiños e amiguiñas!! O pasado xoves para celebrar as Letras Galegas e homenaxear á figura de Begoña Caamaño  o alumnado de 6º de Primaria puxo en marcha a súa creatividade para realizar un programa de radio moi especial: unha entrevista imaxinaria a Begoña Caamaño.

As nosas reporteiras nvestigaron sobre a súa vida e obra, prepararon preguntas e déronlle voz a esta autora tan importante das Letras Galegas.

Aproveitaron, tamén,  para ler pequenos tips informativos e descubrir aspectos clave da traxectoria e da importancia de Begoña Caamaño na literatura galega, a través da cartelería enviada pola Xunta, 



martes, 12 de mayo de 2026

CREATIVIDADE QUE FAI CAMIÑO

Ola amiguiños e amiguiñas! Estamos de celebración! Queremos felicitar a Mariña de 6º de Primaria por gañar un premio no programa Escola en Camiño, organizado polo xornal Faro de Vigo.

Este programa achega ao alumnado ao Camiño de Santiago a través da imaxinación e a creación, propoñendo actividades como debuxos, textos ou vídeos.

Mariña participou cun debuxo cheo de creatividade, no que soubo representar o espírito do Camiño. O seu traballo foi recoñecido polo xurado, converténdose nun exemplo do talento e creatividade.

Parabéns polo teu gran traballo! 



LAMBECAZOLAS DE VERÁN

Ola amiguiños e amiguiñas!! Un ano máis chega o "Lambecazolas". Atendede á información e preparade as vosas receitas!! Non esquezades que teñen que ser saudables!!



domingo, 10 de mayo de 2026

Descubrindo a vida e obra de Begoña Caamaño

 Ola amguiños e amiguiñas!!

No marco das Letras Galegas, compartimos unha nova publicación na que podedes atopar información completa e actualizada sobre a vida e a obra de Begoña Caamaño, a autora homenaxeada este ano.

Trátase dun recurso pensado para achegarnos de maneira clara e ordenada á súa figura, permitindo ao alumnado coñecer mellor quen foi, que escribiu e cal foi a súa achega á literatura galega.

Nesta publicación poderedes:
📖 Coñecer os aspectos máis importantes da súa biografía.
📖 Achegarvos ás súas obras máis destacadas.
📖 Comprender a relevancia do seu legado cultural.

Animámosvos a ler con calma, investigar e seguir descubrindo a riqueza da nosa literatura.

Porque coñecer ás nosas autoras e autores é tamén unha forma de manter viva a nosa lingua. Premede na imaxe

#LetrasGalegas #BegoñaCaamaño