Ola amiguiños e amiguiñas!! Como sabedes os nenos e nenas de 3º de Primaria gañaron a 3ª ronda de "Liga Saudable de Plátano de Canarias", un torneo escolar que combina aprendizaxe e diversión a través de aventuras educativas en formato escape-room dixital.
Grazas ao premio, puideron participar na escola nun Escape Room cunha misión crucial: rescatar da historia o legado de mulleres referentes que abriron camiño, como Rosalía de Castro, Frida Khalo e Marie Curie, rompendo así as cadeas dos estereotipos de xénero que aínda hoxe persisten na nosa sociedade.
Enfrontándose a diferentes retos, o alumnado entendeu que non existen "xogos de nenos" nin "xogos de nenas", nin profesións, nin cores determinadas polo xénero, senón persoas con capacidades extraordinarias que merecen as mesmas oportunidades.
O momento máis especial chegou co reto final, abrir o cofre e "romper as cadeas" colaborando dende a empatía e o respecto mutuo, demostrando que a igualdade é, por riba de todo, un traballo en equipo.
0 comentarios:
Publicar un comentario