lunes, 31 de octubre de 2016

QUE LE VALENTÍN?

Chegou o SAMAÍN!!!
As vasoiras aparcaron na entrada do noso cole. Vasoiras medorentas que nos acompañaron esta semana de bruxas, meigas, contos e lendas.
Visitaron as nosas aulas bruxas e demos, vimos zombis bailando na entrada e a Santa Compaña, tivemos medo e risas, conxuros e beberaxes saborentos, bailamos e corremos e agora... DESCANSAMOS!!!.
Entre as vasoiras estaba Valentín, o esquelete lector, tamén estaba o voso reto. Que le Valentín no Samaín?


Cada día Valentín pasaba pola biblioteca e collía libros de medo. Libros de nenos e maiores... pero, que libros escollía Valentín? Era difícil seguirlle o ritmo. Cada vez que viamos a Valentín tiña un novo conto.
Fostes vós os que lle seguistes o rastro. Puiden ver como anotabades cada conto para saber os gustos do noso amigo. Agora espero que me traiades o listado dos libros deste "Esquelete lector" e darvos a vosa recompensa. Agárdovos na biblioteca coas vosas listaxes e así poder gozar todos dos contos de Valentín!!
VINDE A BIBLIOTECA!!!

lunes, 24 de octubre de 2016

FESTA DA BIBLIOTECA!!!

Ola amiguiños e amiguiñas!!!
Xa chegou o tan ansiado momento. Hoxe celebramos o "Días das Bibliotecas Escolares".
Ao longo destes últimos días os vosos compañeiros e compañeiras de 6º foron facéndovos preguntas da biblioteca. Coas vosas respostas e a visión que eles teñen dela fixeron un vídeo.

Deste xeito vivimos unha xornada entrañable e divertida. Localizámonos na película, lembramos as normas da biblioteca e vimos a nova colocación dos ordenadores e das mesas de traballo, recoñecimos aos novos axudantes de biblioteca, descubrimos un novo andel de xogos, o alumnado novo no centro recibiu o seu carné... e finalizamos a xornada co agasallo que deixei para todos vós: Un lapis e un marcapáxinas cunha pequena mensaxe na que vos animo a crear as mellores obras do mundo.

Animádevos a úsalo. Ese lapis ten o poder de poñer no papel o que xa está, dende sempre, na vosa mente.


FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES!!!


Coma sempre aquí deixo o vídeo e unhas fotos para que ensinedes na casa.
Un saúdo e xa sabedes... VÉMONOS NA BIBLIOTECA!!!






  


jueves, 20 de octubre de 2016

EN LEMBRANZA DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Antes de abrir as portas da nosa biblioteca non podíamos deixar de facerlle unha pequena homenaxe a Agustín Fernández Paz.

Agustín foi e é un dos escritores máis recoñecidos no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega e internacional, xa que algunhas das súas obras foron traducidas a varios idiomas. Unha das cousas que máis lle gustaba era que lle contasen historias, mais el tamén as sabía contar.

Cría que as palabras posuían a forza necesaria para cambiar o mundo e afirmaba que os libros eran imprescindibles para axudar a soñar e a vivir.

Nós seguiremos o seu consello para dende a nosa biblioteca cambiar o mundo.

Grazas pola túa obra e bo camiño Agustín!!!



Aquí queda o mural en lembranza de Agustín Fernández Paz feito polo alumnado de 3º.